No día de onte a Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais (FOANPAS) reuniu á comunidade educativa da contorna para abordar o inicio do curso 2020/21.
Acudiron ao chamado diversas ANPAS da área de Vigo e as forzas sindicais do ensino CUT, CIG, CCOO e STEG.
A motivación da xuntanza foi o interese das familias en trasladar ao resto da comunidade educativa o seu desacordo coa xestión por mor da COVID da Administración.
As ANPAS trasladaron a preocupación e demanda de solucións de nais e pais da área principalmente pola falta de actividades complementarias ao descoñecer os problemas cos rateos e horarios para levalas a cabo.
FOANPAS aprobou non facerse cargo da xestión das aulas matutinas, os comedores e as actividades complementarias para evitar responsabilidades sanitarias fóra do seu alcance. En consecuencia preven que a responsabilidade da xestión destes servizos e tempos vai ser do profesorado e equipos directivos dos centros, pasando a asumir un labor de coidadores que non nos corresponde.
Con respecto ao cumprimento do protocolo COVID e a busca de espazos alternativos que permitan manter a distancia interpersoal de 1,5 m nas aulas, FOANPAS propuxo á Xefatura Territorial distribuír ao alumnado dos centros máis masificados cara aqueles por debaixo da súa capacidade e dese xeito poder cumprir os rateos para unhas aulas seguras. Porén, a Consellería respondeu a FOANPAS que non contemplan esta posibilidade.
Con respecto á convocatoria de folga do profesorado dun único día FOANPAS traslada ás OOSS presentes que non ten boa acollida entre as familias, xa que entenden que un só día é insuficiente para mudar a situación. Acórdase que familias e sindicatos deben ir da man e que as accións non deben ser puntuais senón prolongarse no tempo e ser multitudinarias.
Como primeira acción conxunta, o vindeiro martes día 8 presentarase no rexistro da Xunta de Galicia da Praza da Estrela en Vigo, un comunicado consensuado entre FOANPAS e sindicatos de ensino. Neste documento pedirase ás familias non levar aos seus fillos a escola nestas circunstancias, ademais de solicitar a non renovación e reprobación do responsable da Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra: César A. Pérez Ares
A este acto tamén se invitará ao Sindicato de Estudantes, que escusou a súa presenza hoxe, e ás Federacións de ANPAS de toda a comarca: Morrazo, Val Miñor, Porriño, etc.
A CUT Ensino amosou o seu apoio a todas as accións propostas, salientando a importancia do traballo colaborativo a nivel local e comarcal e estará na concentración do día 8 na Praza da Estrela de Vigo.