Xornadas de solidariedade coas temporeiras de Huelva
27 de setembro en Compostela e 28 de setembro en Vigo
O colonialismo, o patriarcado e o capitalismo únense para enriquecerse a costa das máis vulnerabilizadas polo propio sistema. Nos últimos meses saltaron á escena mediática, grazas a un xornal alemán, os abusos laborais e sexuais sufridos polas traballadoras temporais do amorodo en Huelva, practicamente todas de orixe marroquí. A noticia apareceu en todos os medios de comunicación causando un alto rexeitamento pero a resposta social, estivo á altura?
Que respostas podemos dar dende un sindicalismo combativo, antipatriarcal e anticolonial? Como tecemos redes de solidariedade? Que estratexias sindicais podemos sacar adiante?
Desde a CUT parécenos fundamental coñecer máis da historia das traballadoras temporais de Huelva, do contacto do sindicalismo con este caso e das reflexións que poidamos sacar en conxunto. Por iso, e contando coa imposibilidade de que poideran vir as propias traballadoras, convidamos ao Sindicato Andaluz de Trabajadores/as (SAT), sindicato irmá, que acompañou ás traballadoras a que nos conten máis, a pensar xuntas, a tirar conclusións e respostas.
A compañeira Virginia Piña estará en Compostela o 27 de setembro, ás 19:30 horas na Casa Xohana Torres, e en Vigo o 28, ás 18:00 horas no local da CUT da Rúa de Urzáiz, ambas xornadas son abertas a toda persoa que queira escoitar e participar. O sábado 29 Virginia estará ademais no festival das Brétemas.
O sindicalismo anticolonialista é internacionalista! Ningunha persoa quedará fóra da manta de solidariedade que tecemos cada día!
Acompañamos co escrito que nos fixo chegar a compañeira do SAT sobre o conflito das temporeiras de Huelva e o papel do SAT:
“Dende principios do 2000, os empresarios de Huelva decidiron cambiar aos traballadores por traballadoras, debido a cuestións puramente capitalistas, sexistas e colonialistas. Se nun primeiro momento eran mulleres do leste de Europa as contratadas, xa preto do 2010 foron marroquíes, segundo eles, porque son máis traballadoras.
As denuncias sobre a explotación laboral lévanse realizando dende hai anos. De feito, hai unha sentenza de 2014 que condena a 4 empresarios. Desde hai anos, o SAT acode cada tempada para intentar realizar labores sindicais, algo que se fai imposible.
Este ano, a noticia sobre os abusos laborais e sexuais saltou á palestra grazas a un diario alemán. Nel, compañeiras contaban as situacións que se vivían nos invernadoiros. Non é a primeira vez, pero si a única na que a noticia se volve tan viral.
Durante este ano, fixéronse denuncias a través de tres grupos de mulleres: 4 compañeiras respaldadas por Asnuci (ONG onubense), 10 que recibiron axuda do SAT e AUSAJ e outras 3 andaluzas.
As 10 compañeiras que denunciaron son as que lograron escapar dunha deportación masiva que houbo cando os empresarios se enteraron da intención de denuncia de máis dun cento de compañeiras. Tras iso, tiveron que saír agochadas e refuxiarse nun pobo lonxe da provincia de Huelva. Fai unha semana, a Audiencia Nacional aceptou a denuncia contra a empresa ‘Doñana 1998’ por abusos laborais e sexuais.
Cal está sendo o papel do SAT? Nós, desde primeira hora, estivemos apoiando e acompañando ás compañeiras. Por unha parte, mediante a difusión -onde está o SAT e Cañamero hai 82.848 cámaras-, a organización de mobilización -a finais de xuño en Huelva- e de actos que axuden a saber o que está ocurrindo en Huelva e recoller apoios. Por outro lado, subministramos todo o preciso para que as compañeiras poidan quedarse o tempo preciso en Andalucía, mediante a achega dunha vivenda e os cartos precisos para poder manterse.
Por outro lado, a miña achega como militante do SAT foi nesta mesma liña: organización, difusión e busca de apoios para que isto non caia en saco roto. Por unha parte, organizando a mobilización masiva que tivemos en Huelva, organizando o apoio desde a miña provincia (Jaén nese momento, Cádiz agora), e difundindo os feitos xa fóra da fronteira andaluza. Non só estou eu senón que somos varias compañeiras dedicándonos a isto.”
Virginia Piña Cruz, militante do SAT.