Compañeiras da CUT asistiron o 22 e 23 de xuño en Compostela a unhas intensas xornadas organizadas polo Sindicato Labrego e Vía Campesiña Europea, na que campesinas, labregas, xornaleiras e xente do sector agrícola -procedentes de diversas zonas do estado español, da Europa e mesmo un compañeiro dun sindicato marroquino do campo- falaron sobre as súas labores e o maltrato da agroindustria.
Expuxeron a necesidade de apostar pola agricultura labrega fronte á agroindustria, extensión do capitalismo agrario, o neoliberalismo, o maltrato á terra, a explotación das traballadoras, a especulación das terras e recursos, monocultivo intensivo… As súas consecuencias: escravismo, fame, despoboamento rural obrigado, cambio climático…
A AGROINDUSTRIA MALTRATA ÁS PERSOAS: EXPLOTACIÓN LABORAL E SOCIAL
Case o total das persoas que traballan na agroindustria son persoas migrantes, dos 150 millóns de persoas que se desprazan ou migran ao ano no mundo, 16 millóns migran para traballar no agro, sendo o estado español, a Italia ou Grecia os máis concorridos. Estes países do sur da Europa dende a súa entrada na Unión Europea, CEE neses momentos, foron tamén o paso decisivo para a entrada da agroindustria deixando de ser unha agricultura familiar de abastecemento. Os problemas: perda de poder adquisitivo para as pequenas explotacións, moitas veces a expulsión das súas terras, proliferación de ETTS, incumprimento de dereitos laborais, trata de persoas, sobre todo de mulleres migrantes ás que se lle suma a todas estas violencias a violencia sexual.
A AGROINDUSTRIA É MACHISTA E PATRIARCAL
As probas dos pesticidas fanse en varóns, así que aínda é un misterio como afecta isto na saúde das mulleres. As mulleres somos as produtoras de máis do 50% da alimentación no mundo, non somos propietarias das terras, nos textos da PAC non se recolle a palabra muller como suxeito…
Nas xornadas animaron a apostar pola agroecoloxía e a soberanía alimentaria, despatriarcalizando o agro, porque as mulleres somos historicamente as coidadoras -da familia, da terra, das sementes- e recae sobre nós o peso da alimentación.
O IMPACTO DA AGROINDUSTRIA NO MEDIO NATURAL
A agroindustria fai que enfermemos tanto as persoas que traballan no agro, como as consumidoras e a propia terra. A agroindustria é o espolio da terra e da auga, a través de verquidos, de pesticidas… Este sistema alimentario capitalista é incompatíbel coa vida, coa nosa e coa da terra se seguimos a aumentar as emisións de gas, a contaminar e desertizar a terra…
Quedou moito por falar pero sabemos que o futuro se queremos que este exista pasa pola soberanía alimentaria e por seguir loitando contra a agroindustria.
#AGROECOLOXÍA OU BARBARIE!!