Xestión democrática: horarios e grupos

120

No día de onte anunciouse, de forma case festiva, a supresión do pretendido reparto de cursos e horarios durante o mes de xullo que figuraba no borrador de instrucións de inicio de curso. Dende a CUT parécenos uha medida necesaria, unha vez coñecidos os prazos do CADP que abre hoxe, pero matizando vellos costumes.

Agora a CUT, e xa antes a USDG, denunciamos e recollemos como un dos obxectivos para a democratización dos centros de ensino un reparto onde todo o claustro estea presente, pero non sobre o papel, senón de forma efectiva.

O que onte se celebrou como un éxito é volver á norma vixente que establece cada curso a celebración do claustro e reparto en setembro, pero que ano tras ano se daba, na maioría dos casos, antes da adxudicación do CADP. Na maior parte dos casos o reparto facíase en xuño/xullo de forma informal, a pesar do marcado pola norma para axilizar o traballo dos equipos directivos e a escolla do persoal definitivo.

Este ano a adxudicación do CADP farase en agosto para todos os corpos polo que o cumprimento da norma, e o reparto no mes de setembro volve estar no centro das nosas miradas. Os equipos directivos vense na tesitura de ter que esperar para elaborar horarios e o profesorado definitivo de agardar aos compañeiros nomeados en agosto para tomar decisións.

Todos sabemos a importancia que ten para os propios docentes a elección de horarios. En moitas ocasións non existe acordo nos departamentos didácticos para un reparto de áreas, materias e cursos, ou, ás veces, acontece que se impón unha inercia de “deixar para os que veñen novos” os descartes dos outros membros do departamento.

Esta situación non debe continuar, en canto o que debe primar son os criterios pedagóxicos unha vez establecido o cadro de persoal para cada curso académico.  Velaquí unha das manifestacións máis graves das contradicións que operan “dende dentro” do sistema educativo, afectando moi negativamente á calidade do ensino.

Se continuamos deixando que subsista esta situación, seguiremos a ver como en xeral se produce unha situación que ten repercusións negativas sobre o alumnado e as súas familias. Na práctica existe unha mecánica de evitar os grupos con maiores dificultades, titorías complexas  e de atención á diversidade, que en base a criterios pedagóxicos deberían ser atendidos polo persoal máis axeitado cada curso, e non polo que chegue en último lugar.

Dende a CUT apelamos tamén á solidariedade neste apartado da “elección de horarios”, a un reparto máis equitativo, democrático e igualitario entre os membros dos departamentos didácticos, para así atinxirmos non só a igualdade de trato, senón tamén máis garantías de atender á diversidade e estar así en mellores condicións fronte ao abandono escolar.

Xa no ano 2019 solicitamos dende este sindicato que a elección de grupos e horarios se fixese unha vez nomeado todo o persoal do centro, a máis tardar o 31 de xullo co adianto do CADP a mediados de xullo. Porén, non sairá a adxudicación definitiva ata agosto, polo que agardamos que se faga escrupulosamente na primeira semana de setembro e que se vele polo cumprimento da presenza de todas por parte das direccións dos centros.

Dende o noso punto de vista setembro é tarde para este reparto polos transtornos organizativos para as direccións pero así debe ser, en nome da calidade do ensino e democracia nos centros, ata que consigamos adiantar a adxudicación CADP ao mes de xullo e todas as implicadas no seguinte curso poidan participar.