No día de onte, a dirección da empresa coma sempre disposta a innovar, infórmanos que vai “impoñer” tamén dende o 1 de Febreiro, un novo reparto de traballo para os/as técnicos/as e administrativos/as. O novo reparto consistira, en que sexan eles mesmos os que baleiren as papeleiras da súa zoa, salvo zoas comúns, a depositen no contedor, e coloquen unha nova bolsa na papeleira.

A dirección e o responsable de medio ambiente como un dos promotores da medida, consideran que con este xesto, “colaboraríase ca reciclaxe” (non o creen nin eles). Apuntaba este ultimo, que “cuando salgan al final del día pueden hacerlo de camino a la salida”. Isto daría para o chiste da escoba “ metida” no cu e mentres marchan van barrendo..

O que agocha a medida é unha nova redución de costes o eliminar o traballo que antes realizaba unha persoa de CLECE, que xa reciclaba e, que agora será asumido polos propios traballadores/as da oficina.

Esta dirección pretende igual que no taller, que cada vez asumamos mais responsabilidades e traballos polo mesmo salario. Pero xa non se trata de cartos, tratase que dentro das funcións e categoría deste colectivo non figura a limpeza ou recollida de residuos, polo que non poden obrigalos con esta medida, regresiva, que a empresa pretende levar a cabo. Hoxe pretenden que baleiren as papeleiras, mañan ?…

A Sección Sindical da CUT xa lle transmitiu a dirección que non esta dacordo ca medida, polo que agora serán os/as técnicos/as e os seus sindicatos e os que teñen a última palabra. A CUT apoiara as medidas ou iniciativas que consideren oportunas.

 – CTAG. (posible fraude a vista)

A dirección, unha vez mais no colectivo mensual, aproveitándose dunha subvención da Xunta, parece ser, forzou a que mais de 60 técnicos/as (a maiores do ERE aberto) foran baixa de empresa con PSA, para subscribir un novo contrato co CTAG (Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia), supostamente para iniciar proxectos de I+D+I. A cenoria e un aumento salarial dun 5%, e que unha vez rematado o contrato con esta entidade, retornarían a PSA cas mesmas condicións. O fraude pode estar en que manteñen a mesma “cadeira e mesa”, mesmos medios aportados por PSA, e o mesmo “xefe” de PSA, facendo practicamente o mesmo traballo, pero co salario e seguridade social pagados entre todos e todas nós.  Vamos!!!, “unha cesión ilegal de traballadores/as”, en toda regra.

Aínda que lle ofrezan maior salario, perden todas as pagas variables e os poucos beneficios socias que contempla o convenio, polo que ó final saen perdendo salarialmente, e veremos se no futuro ese retorno finalmente prodúcese. Segundo nos consta, as presións foron tales que algún incluso recaeu de baixa. Os que teñen representación neste colectivo, parece que miran cara outro lado. Por outra banda o colectivo mensual tamén vai sendo hora que vaian espertando. Que non pensen que teñen outro “status social”, para a empresa son números igual ca nós,  prescindibles e caros parece ser.

– NOVO PAU XUDICIAL A PSA:

O xulgado central do contencioso administrativo, ven de condenar a PCAE S.A a regularizar as bases de cotización dos/as traballadores/as que acudiron a círculos de calidade entre os anos 2009 e 2012 cando desapareceron estes. Os anos anteriores o estar prescritos, a seguridade social non pode actuar sobre eles.

O fondo do tema, é que a empresa sobre a cantidade que abonaba por acudir aos mesmos, non a incluía na nómina como concepto de retribución salarial, senón como “dietas” exentas de cotización. Con esta resolución a empresa ten que aboar un total de 663.500.29€ polos catro anos a seguridade social, actualizando as bases de cotización dos/as traballadores/as que acudiron entre eses anos aos mesmos. Os círculos comezaron no ano 1995, botade contas canto terían que pagar a caixa senón prescribira.

– PRODUCCIÓN 2016.

Durante ás negociacións do ERE-ERTE os gurús da empresa e dos sindicatos asinantes auguraban un 4º trimestre apocalíptico, que so de por si xa xustificaba a redución de operarios/as. A liquidez en caixa destinouse a desfacerse de contratos que serán substituídos por precarios máis baratos. As arcas de PSA cheas, pero os beneficios non se empregaron para paliar os recortes do ano 14, nin en mellorar a ergonomía dos postos, nin en aliviar as cargas de traballo, nin… A CUT levou o tema ao TSXG e alí os sindicatos asinantes ( FSI, UGT, CCOO ) sentados ao lado da empresa, defenderon os argumentos da mesma baseados en informes económicos e produtivos que non existían. O tempo pon a cada quen no seu sitio. Agora dirán;  …mellor ter un ERTE aberto e que non faga falta.., ou o que colleu o ERE foi voluntario.., algún da CUT tamén marchou… No canto de defender o emprego digno, con dereitos e de calidade para o presente e para o futuro: Comulgan cos argumentos da empresa, que demostráronse non ser certos.

PSA VIGO 2016 = 424.100 vehículos + 4%

E non é algo que nos inventemos na CUT, que tan dados din que somos aos populismos. O incremento de produción: o recolle a prensa, o di a empresa no exterior da fábrica. Que credibilidade van ter os asinantes destes acordos baseados en hipóteses e sen documentos que os avalen?. Pero para eles xustifican todo tipo de recortes sociais, económicos e aumento das cargas de traballo.

Iso si: a empresa non esquece quedar ben, agora cando che da unha axuda de estudios, o director de RR.HH envía unha carta personalizada a cada traballador/a onde di compracerlle axudar nos estudos dos nosos fillos/as. A ultima novidade e doar unha cesta as nais que dan a luz, cunha tarxeta tamén de RR.HH. MIGALLAS!!!, despois dos constantes recortes económicos, o ultimo o da paga variable, que penaliza a maternidade e paternidade. O triste, é que isto non queda aquí. Xa están pensando en novas cousas  para o K9 e algúns tamén están pensando en como xustificalas.

– AXA (complemento xubilación):  Despois de varias xestións feitas pola CUT con responsables desta entidade, e co responsable do grupo na península: (parece ser), quen decida recuperar e cobrar a cantidade total acumulada, non vai ter unha redución do 30% como dicía a empresa e asinantes. Agora o que decida integrala na nómina, rescatara a totalidade da cantidade aportada, e so un 70% cotizara na nómina cos demais conceptos salariais, e un 30% estará exento de cotización. Agora xa cambia a cousa!!!, non sabemos se pola nosa xestión, ou por haber levantado polvo. Quizais alguén tamén quería cobrar unha “comisión” a estes traballadores/as afectados.

Recomendamos dende a CUT o seu cobro, e cada un despois invista onde decida, para non estar preso nun novo plan de pensións que vai crear a empresa. A decisión é vosa!!!.