Volta á “normalidade”. Covid-19: a oportunidade das empresas da hostalaría para escravizar máis

543

Opinión.- Leo da Cruz. Afiliado da CUT.

 

 

 

 

Corren tempos convulsos na enésima crise do sistema capitalista. Co galo da tan sonada “volta á normalidade” despois da pandemia, o futuro das traballadoras dun dos sectores que xera máis riqueza (PIB) no país e no Estado español vese aínda peor. Co discurso e praxe totalitarios do empresariado do sector, co mantra de que hai que recuperar coa maior celeridade a senda de beneficios cuantiosos de antes da pandemia, o todo vale, pretenderá conquistar as mentes sumisas dunha clase traballadora con máis medo a quedar sen emprego ou a ser acosada ata límites que a mente e o corpo non poden soportar.

A hostalaría é un sector no que a explotación se converteu en tradición e no que a traballadora ten que asumir os abusos se quere dedicarse a iso. A maioría do empresariado do sector ve a traballadora como un recurso explotable, descartable, que cando se agota, cando non pode máis e deixa de ser “produtiva”, pode substituírse facilmente. A manida frase “se non che gusta isto, xa sabes” ou “isto é o que hai, a hostalaría é así”, repítese a cotío.

Este novo mundo de revolución tecnolóxica parece que non está destinado para controlar a cantidade inxente de horas extraordinarias sen remunerar ou controlar os cambios abusivos de quendas de traballo que imposibilitan a conciliación das nosas vidas fóra do emprego. O famoso anuncio de control de xornada diaria por parte do Ministerio de Traballo tradúcese nun anaco de papel escrito a man pola traballadora que, alén de ser totalmente manipulable, ten a garantía para que o empresario inicie o despedimento inmediato se á traballadora se lle ocorre pór fielmente a xornada que realizou.

Moitas das traballadoras con contratos precarios por horas e días quedaron á marxe dos ERTE de forza maior, tendo que buscar a vida con tarxetas da Cruz Vermella para comprar comida, acudir a Cáritas ou tamén pasar o proceso humillante e tortuoso ao que a administración somete para solicitar a miserenta RISGA.

Na época post-pandémica non se vai pór o foco na baixada drástica de ingresos da clase traballadora estando en ERTE de forza maior (70% da base reguladora), nin tampouco que ese diñeiro foi dado por todos nós (Estado), nin que moitas con contratos precarios están en exclusión social. Non, só escoitaremos que as empresas o están a pasar mal e que hai que facer dous buratos máis no cinto se queres seguir empregada.

Voltamos escoitar a palabra “flexibilidade”… En serio? Outra vez? Facer funcións que non lle corresponden á túa categoría profesional, mudarche as quendas de traballo cando a empresa vexa oportuno, non saber cando descansas con algo de tempo para ter vida, aumento da carga de traballo con obxectivos irrealizables, non disfrutar dos festivos, quedar máis horas do servizo sen compensación ou, como moito, compensando cando a empresa queira e non cando queiras ti, acoso laboral dificilmente demostrable nos xulgados e así un largo etcétera de “flexibilidades” que sofre o persoal.

Se antes da pandemia o incumprimento sistemático dos paupérrimos convenios colectivos provinciais era unha realidade permanente, que máis recortes pode soportar a clase traballadora con esta nova volta de porca do sistema?

Ante toda esta barbarie e sufrimento que a patronal pretende impor, non podemos permanecer inmóbiles ou rezar para ver se por un estraño milagre podemos ter unha vida laboral digna. É momento de dicir basta. É momento de facer unha emenda á totalidade ao modelo de explotación e camiñar cara á redución drástica da xornada laboral actual con salarios dignos, a esixir a conciliación coa vida, a eliminar as horas extraordinarias, a esixir igualdade real de xénero, a eliminar o racismo, a compensar todo o esforzo que moitas profesionais, día a día, fan que medre o Producto Iterior Bruto do país… Non é tempo só de resistir, senón de vencer.