VII Congreso Intersindical Valenciana: a forza do pobo

56

A CUT asistiu esta fin de semana ao VII Congreso da Intersindical Valencia, celebrado en Gandía do 21 ao 23 de novembro baixo o lema “O Sindicato Valencià, a forza do pobo”.

Na xornada do venres tivo lugar a conferencia internacional ” O sindicalismo antifascista para combater o auxe da extrema dereita”, presentada por Miquel Ramos. Nela abordamos o escenario actual tanto do estado como internacional -onde a extrema dereita está impoñendo o seu discurso de odio entre a clase traballadora-, e o papel dos sindicatos fronte a este escenarios e como combater este auxe fascista.

Dende a CUT analizamos a situación de Galicia e a nosa realidade como nación sen estado e colonizada. A responsabilidade dun estado que non recoñece o dereito a decidir e que continuamente ataca a súa cultura, o seu idioma e a súa clase traballadora. Esa realidade colonial apenas mudou unha vez morto o ditador na mal chamada transición, que unicamente mudou de nome pero non de sistema, así como a responsabilidade que teñen dentro deste auxe da extrema dereita a socialdemocracia e axentes sociais.

O noso papel como sindicato de clase é rachar esa realidade e combater a causa -o capitalismo- fortalecendo as redes internacionais nas que participamos, especialmente a Coordinadora dos Pobos dentro da FSM, e traballar para unha folga xeral real que realmente sexa capaz de parar este sistema.

Agradecemos o traballo da Intersindical Valenciana nesta loita continua contra o capitalismo e a extrema dereita e trasladamos o noso desexo dunha andaina próspera á nova dirección elixida neste VII Congreso.