Os sindicatos participantes nas terceiras xornadas do sindicalismo combativo do sector da automoción (CUT, LAB, ESK, STOPEL-ISTA e STM-IV, presentes nas factorías de Stellantis Vigo, Volkswagen, Ford, Mercedes e Stellantis Zaragoza), acordaron a creación dunha coordinadora do automóbil co obxectivo de aglutinar e facer crecer a forza sindical neste sector.
Un sector que representa o 10% do PIB do estado e o 18% das exportacións españolas, con 17 plantas nas que se fabrican 44 modelos de vehículos e cunha facturación de 70.392 millóns de euros.
Os fabricantes están en crecemento constante, cun importante aumento na marxe de beneficios, que en moitos casos supera o 40% previo á era COVID.
A pesar disto seguen solicitando máis flexibilidade e axustes sociais e económicos ao persoal.
“Neste contexto xorde a necesidade de establecer lazos do sindicalismo alternativo para facer unha fronte común aos ataques do capitalismo e das multinacionais que só buscan o rendemento para as accionistas e directivos.”
Neste contexto xorde a necesidade de establecer lazos do sindicalismo alternativo para facer unha fronte común aos ataques do capitalismo e das multinacionais que só buscan o rendemento para as accionistas e directivos.
O eixo principal destas xornadas organizadas pola CUT en Vigo foi a saúde laboral, apartado no que cada vez se inviste menos e se producen máis accidentes de traballo. As enfermidades laborais na automoción son constantes, debido ás cargas de traballo e ritmos con movementos repetitivos constantes. Pero non son recoñecidas polas empresas nin polas mutuas como tal.
“Os participantes nas xornadas acordaron iniciar trámites coas administracións públicas e gobernos para que se regulen os ritmos e as cargas de traballo, e solicitarán que se elabore unha listaxe de enfermidades profesionais.”
Os participantes nas xornadas acordaron iniciar trámites coas administracións públicas e gobernos para que se regulen os ritmos e as cargas de traballo, e solicitarán que se elabore unha listaxe de enfermidades profesionais.
Tamén estudarán a viabilidade de solicitar á seguridade social coeficientes redutores para as traballadoras do sector, co fin de adiantar a idade de xubilación dada a penosidade dos traballos que realizamos.
O encontro finaliza co apoio da coordinadora á mobilización convocada por COESPE o día 28 de outubro en Madrid, en defensa das pensións públicas. Tamén se mostrou a solidariedade coas traballadoras de Mecaner en Urduliz, así como co resto de persoais que están en loita.