Vémonos este sábado na IX Conferencia Nacional da CUT

170

As persoas que conformamos a CUT reunirémonos este sábado en Vigo na que é xa a IX Conferencia Nacional baixo o título “Historia e futuro”, unha ferramenta para xuntármonos e analizar onde estamos e onde nos queremos situar entre congresos.

Esta novena conferencia cadra, ademais, cos 25 anos do nacemento do sindicato, que celebraremos cun xantar de confraternización no que lembraremos tamén a quen nos acompañou incansablemente nestes anos e hai uns meses nos deixou fisicamente pero non na forza e conciencia colectiva, o compañeiro Churum.

Ambos os dous actos terán lugar en Vigo mañá 14 de setembro no Hotel Coia, sendo a Conferencia en xornada de mañá, de 10 a 13.30 horas, e a celebración a seguir.

A importancia da Conferencia

A IX Conferencia Nacional convócase para cuestionar se a CUT é necesaria ou non no contexto actual. O noso obxectivo non está en cumprir anos, está no combate sindical de clase.

Partiremos dun texto que recolle o resumo do tratado no Secretariado Político, e as cuestións xurdidas, en tres bloques temáticos: “Contexto”, “Modelo Sindical” e “Os cadros e o futuro da CUT”. Cada un deses bloques será debatido polo plenario da conferencia durante 50 minutos e elaboraranse as respectivas conclusións. Pecharase o acto cunhas conclusións xerais.