VALORACIÓN, LISTAXE E ACCIÓNS SOBRE AS PRAZAS OFERTADAS PARA A CONSOLIDACIÓN

1005

Dende a CUT Ensino queremos mostrar a nosa disconformidade coas cifras presentadas hoxe na Mesa Sectorial para os procesos de consolidación do profesorado galego: 

  1. O cadro non recolle, nin para as prazas da Disposición Adicional 6 (Listado 1), nin para as prazas ao proceso de concurso-oposición (Listado 4), aquelas prazas de carácter temporal que veñen sendo desempeñadas de forma ininterrompida dende antes de 2016 (DA6) ou dende o 1 de xaneiro de 2018 (C-O) ocupadas nalgún ou varios dos anos por persoal definitivo en comisión de servizos, expectativa ou prácticas. Reclamamos que se teñan en conta ditas prazas, xa que foron sempre prazas de provisión temporal, independentemente de quen fose o seu ocupante, en aplicación da Lei 20/2021.
  2. Exiximos de novo que se teña en conta a data de inicio de contabilización das prazas que marca a lei: 30/12/2020 no lugar da pretendida do 30/09/2021. De non facelo así estaríase eludindo a data marcada na mesma.
  3. Deixar ben claro na redacción dos procesos que aquelas persoas que non concorran aos procesos de consolidación non terán dereito a indemnización algunha en caso de ser cesadas, o que converte os procesos en obrigatorios para todo aquel que queira conservar o seu posto de traballo.
  4. Exisimos transparencia a todos os actores negociadores e que as LISTAS 1  e LISTAS 2 (CIG Ensino) sexan públicas e cos datos necesarios para que as persoas afectadas poidan facer alegacións ao procesos dos que dependerá o seu futuro laboral: centro onde se atopa a praza/ ano de creación da praza / antigüidade da persoa que a ocupa.
  5. Solicitamos tamén saber de que maneira van quedar configuradas as bolsas de persoal derivadas destes procesos xa que, novamente, a lei indica que se poderán establecer novas bolsas cuns requisitos mínimos que a administración debe fixar, derivados dos mesmos procesos. A Consellería indica que non derivarán bolsas do concurso, pero non indica que pasará cos que non superen o concurso-oposición e o manexo das futuras listas en función da reforma do EBEP.
  6. Por último, queremos lembrar ás OOSS e á Consellería que as prazas afectadas pola lei dende a súa aprobación, non poden ser ofertadas en ningún outro sistema de provisión, ante a inminente publicación do CXT, xa que provocaría futuras reclamacións e inseguridade xurídica para as persoas que as ocupen a partir do mes de setembro antes as reclamacións sobre as mesmas. A Consellería era coñecedora deste feito desde o mes de decembro, antes de comezar a adxudicación provisional.

Dende a CUT Ensino consideramos que faltan moitas máis prazas por contabilizar e que a cifra presentada non se axusta ás casuísticas que deben ser reflectidas en aplicación da Lei na non consideración da temporalidade en prazas de provisión temporal e a data non xustificada na Lei do reconto das memas. Con ambos datos incorporados o número de prazas tanto no concurso de méritos como no concurso-oposición son un número sensiblemente maior do presentado.

Este sindicato seguirá nas rúas e volve facer un chamamento a todas as afectadas a persoarse este sábado 2 de Abril ás 11.00 h no local da CUT en Compostela para organizarnos, poñer información sobre a mesa entre todas nós e emprender todo tipo de accións ata que as nosas demandas sexan recoñecidas.

Dado que a Xunta de Galicia segue a facer un conteo polo baixo, tendo mecanismos legais á súa disposición para a consolidación quen non está aplicar, sendo a única responsable da precarización das traballadoras das administracións públicas durante décadas, o día 7 de abril, data da nova xuntanza marcada para pechar o número de prazas, estaremos fronte a San Caetano defendendo as nosas prazas e convidamos ao resto de organizacións sindicais a participar da mesma.