1.- A información como servizo público.A información é un dereito que temos todos e todas. Este dereito implica que a mesma sexa obxectiva, libre, imparcial, plural e suxeita a principios democráticos; non pode quedar aberta unha soa físgoa por onde se poidan colar intereses corporativos (sexan políticos ou económicos) ou intereses individuais. O suxeito activo da información non pode ser outro que un ente público ao cen por cen, que garanta esa libre información e un servizo propio de calidade, onde os profesionais non sexan condicionados por ningún tipo de censura ou control político. O instrumento existe, e non é outro que a CRTVG, a pesares das limitacións intencionadas por parte da Administración, sexa da cor que sexa, que a levaron a manter un sistema de contratación e salarios en precario e á privatización progresiva dos servizos que debía prestar cos seus medios.A CRTVG converteuse no xoguete codiciado para os partidos políticos, xoguete para condicionar a opinión pública e para facer pagos indirectos a aqueles medios de comunicación que entran no xogo do reparto do poder.Demandamos tamén da Xunta de Galicia a ampliación do abano dos servizos de información pública a outros medios como a prensa escrita e dixital. A velocidade da historia contemporánea demanda un servizo integral e efectivo de información que abranga todos os campos.
2.- Información monolingue.Un dos obxectivos primeiros da CRTVG é a divulgación da cultura galega, e o vehículo desa cultura non é outro que a lingua galega. Require esta premisa non só que os medios públicos de comunicación utilicen como única lingua a galega, senón tamén que divulguen a necesidade vital para a nosa identidade de pobo o seu uso normalizado en todas as nosas relacións (culturais, políticas, económicas, sociais…), sendo imprescindíbel para o cumprimento deste obxectivo a toma de conciencia por parte da Administración e dos profesionais do medio.A da lingua non é unha cuestión de segundo orde e non pode quedar supeditada á tendencia política dos gobernantes de turno, a lingua é nosa e non de sigla algunha. É imprescindíbel alcanzar o consenso neste punto entre todos os axentes sociais, económicos e políticos do país.
3.- Traballo público.Os traballadores e traballadoras da CRTVG, ao pertencer a un servizo público, teñen tamén este carácter, o que leva a que o acceso a estes postos estea rexido polos principios de mérito e capacidade, incluíndo procesos limpos e obxectivos para a obtención da praza. Ora ben, tendo en conta as irregularidades “históricas” e fraudes de lei (así xa recoñecidos en diversas sentenzas) habidos nos anos de vida da CRTVG é imprescindíbel a garantía da permanencia nos seus postos de traballo de todos estes compañeiros e compañeiras. A CUT defende e defenderá o emprego estábel e non vai ser cómplice do lavado de cara e das emendas sobre erros cometidos no pasado polas direccións da compañia. Esiximos a subrogación de todos e cada un dos traballadores e traballadoras da CRTVG na nova compañía, así coma a reincorporación aos seus postos de aqueles e aquelas compañeiras que foron despedidos improcedentemente.
4.- Produción propia.A nova lei debe incluír un mínimo dun 80% de produción propia, esta é a única garantía de que o medio siga sendo público, a única garantía tamén de que permaneza a plantilla actual en activo, a única garantía de que non se desvíen cartos públicos cara empresas privadas con intereses económicos e de opinión, onde a precarización do traballo medra coma fungos.5.- Delegacións da CRTVG.As Delegacións da CRTVG deben ser recollidas na lei como parte activa e complementaria da produción propia da compañía pública. Esto quere dicir que hai que dotalas dos instrumentos técnicos e humanos necesarios para cumprir con esta función, sendo necesario dotalas de contidos de programación propios que atendan á realidade local e comarcal que abarcan xeograficamente. As delegacións non poden converterse en “auxiliares” que exclusivamente cubran unha función complementaria sen ter unha actividade propia que abranga a información e programación máis cercana aos usuarios e usuarias.