Os opositores que temos que presentarnos o próximo día 19 de xuño á OPE de educación convocada pola Xunta de Galicia estamos tremendamente preocupados e sentímonos totalmente indefensos ante a situación que se nos presenta.
Moitos de nós vémonos na obriga de presentarnos a ditas probas sen estar vacinadas, outros soamente cunha dose da vacina e tal e como están xirando os acontecementos, coa posibilidade de que a 2ª dose coincida coa data do exame. E dicimos obriga porque nos xogamos o noso posto de traballo, aínda xudicializado tralo empeño da súa celebración baixo calquer circunstancia.
Informan as OOSS que permiten este circo de que pretenden “facilitarnos” a posibilidade de vacinarnos (no caso de que nos coincidan as datas) flexibilizando o horario da vacina nese día, pero os que toman estas decisións non parecen estar informados de que os opositores teremos que afrontar nese día probas que serán pola mañán e pola tarde e de que moitos de nós teremos que desprazarnos a outras localidades que poden estar a centos de kilómetros do noso traballo (lugar de referencia para a vacinación).
Nesta situación, non vemos a posibilidade de que se poidan levar a cabo ambas xestións. Entón, eliximos?? Vacina? Oposición?
Ao mellor temos “máis sorte” e vacínannos no(s) día(s) anterior(es) pero podería ser que, coma a tanta xente, suframos os efectos secundarios que todos xa coñecemos (febre, dor de cabeza, vómitos,…) e teríamos que presentarnos nestas condicións a unhas probas tan importantes para o noso futuro laboral, ou podería ser que non nos deixen acceder por ser síntomas compatibles coa Covid e decaer nos nosos dereitos sanitarios e laborais a un tempo. Ou, todavía mellor, que non nos toque nesas datas e nos vacinen despois, co risco de poder contaxiarnos e contaxiar ás nosas familias (non olvidemos que aínda que esteamos vacinados podemos contaxiarnos e contaxiar igualemente).
Non olvidemos tamén que, unha vez alí, imos ter a obriga de asinar un documento onde nos facemos responsables de calquera circunstancia que ocorra exonerando á Administración de toda responsabilidade.
Que sentido ten todo isto???Pode haber un maior desprezo polo profesorado galego implicado no proceso, alén de ser un ERE no peor momento emocional, de carga laboral e sanitario da historia recente?
Temos que dar cumprida resposta a un novo atropelo dos xestores deshumanizados de San Caetano.
Por iso convocaremos unha asemblea aberta na Finca Tenencia de Velasco de Compostela (CUT Compostela) para dar resposta a esta situación.