A Xunta de Galicia, que negocia os servizos mínimos nesta convocatoria de folga estatal para todos os ámbitos administrativos do país (Xustiza, Ensino, Consellerías, CRTVG, etc…), interpretou e explicitou onte que nalgún ámbito só os traballadores e traballadoras temporais poden secundar esta folga, non incluíndo ao persoal fixo amparado pola convocatoria que rexistraron a Confederación Intersindical, CoBas e Solidaridad Obrera.
Esta interpretación nepótica e interesada, contraria á que están a aplicar as Direccións Xerais de Función Pública do resto de territorios do Estado, pretende dividir ás empregadas públicas en parcelas irreais que baten contra a imprescindible unidade da clase traballadora.
Desde a CUT, sindicato que apoia esta folga na súa convocatoria xeral para todas as empregadas públicas, tanto fixas como temporais ou interinas, non podemos máis que lembrar que, con esta desigual interpretación da Xunta nos diferentes ámbitos da folga, o persoal fixo carece de garantías xurídicas para realizar o paro.
Chamamos ao persoal interino e temporal a facer folga e a participar masivamente na manifestación que partirá ás 19 horas da Praza Roxa de Compostela.