Urbaser fóra de control

240

A situación dos traballadores e traballadoras de Urbaser en Redondela está chegando a unha situación insostíbel e, pola información que nos chega a través das afiliadas do resto de centros de Pontevedra, lamentabelmente a súa realidade é a mesma. Traballamos con menos persoal que nunca do ofertado pola propia empresa para facerse coa contrata. Unha concesión de nin máis nin menos 20 anos, facendo ao seu remate un total de 30, e que é clara proba da falta de defensa do sector público de todos os gobernos que por alí pasaron. Un despropósito que fai que ás veces semelle máis dona do servizo a empresa que o propio Concello de Redondela, inverténdose os papeis de quen responde sobre quen.

Urbaser é unha empresa cunha longa traxectoria antisindical e represiva que se move coma o peixe na auga nos xulgados, contando tamén coa conivencia histórica dos nunca desaparecidos engraxadores postos ad hoc pola empresa. Para poder facerlles fronte, non queda outra que facer traballo sindical a pé de rúa e nos centros de traballo, socializar o conflito sacándoo dos vestiarios e desmontar así toda esa montaña de mentiras e coaccións, desmostrándolle que non lles temos medo porque sabemos que o medo é a arma de quen ten o poder.

Durante o primeiro estado de alarma propiciado pola Covid-19, o noso sector foi declarado traballo esencial, coma outros. Traballouse arreo diante dun volume de residuos non previsto por ninguén (máis adiante falaremos da “farisea solidariedade de balcón”). Realizamos as tarefas sen máscaras, sen xel, sen ningún tipo de instrucción específica, coa técnica de PRL da empresa desaparecida a pesar de ser reclamada polo delegado de Prevención e polo cadro de persoal en asemblea. Aínda máis desaparecida estaba e está Inspección de Traballo, declarándose nas súas propias palabras “incompetente”. Se preguntabas algo a algún mando, saían correndo como galiñas sen cabeza. Grazas ao cadro de persoal, pouco a pouco e a base de presión fomos quen de “normalizar” a situación e traballar con seguridade. A empresa sempre foi a remolque das traballadoras.

Aplausos xordos e fariseos de balcón, esa é a percepción que tivemos moitos e moitas de nós. Ías traballar e atopabas moreas de bolsas de lixo deitadas no chan por non tocar a tapa do colector. Centos de máscaras ciscadas, bolsas por calquera esquina fóra dos puntos de recollida. Os voluminosos -televisións, neveiras, sofás, etc.- aumentaron un 75%, o lixo do colector verde un 50%, e tamén a reciclaxe. Sempre con persoal por debaixo do estipulado. Urbaser nunca gratificou nin moral nin economicamente o esforzo feito polas traballadoras dun xeito escrupulosamente profesional. Vimos con sorpresa, e mesmo con medo, que estaban tirando bolsas con residuos de persoas infectadas de COVID-19 a un contedor sen facerllo saber aos traballadores, e seguimos adiante. E non só falamos do noso sector, todas teredes en mente situacións extrapolábeis do que se viviu e desa falsa solidariedade de balcón dos que aplauden a quen lles mandan dende a televisión, branqueando a bondade dos militares e forzas do Estado e deixando soterrada totalmente a cuestión de clase que subxace. Con todo isto, o que queremos é denunciar a precarización que estamos sufrindo por parte de Urbaser no Concello de Redondela e que nos leva a iniciar unha campaña de socialización e veremos se tamén de accións xurídicas para reverter esta situación de estafa.