A sección sindical da CUT en Stellantis Vigo e as seccións sindicais da CGT nos centros de Stellantis en Madrid e Zaragoza reunímonos este xoves 20 de marzo nos locais da CGT en Madrid para analizar o ataque sistemático que tanto a empresa como os sindicatos do réxime están levando a cabo contra o sindicalismo combativo.
Un exemplo máis desta situación de conivencia coa empresa é o chamado “bonus” que Stellantis decidiu repartir entre as persoas traballadoras aplicando un 1,53% do salario, cunha contía que oscila entre os 300€ e os 700€ en tódolos centros.
Ademais, os sindicatos vendidos aceptan unha vez máis sen cuestionar o endurecemento dos requisitos para acceder a este miserable “bonus”, pasando de 180 días (6 meses) a 270 días (9 meses) ininterrompidos para xerar dereito de cobro.
Aínda que xa non discriminan ás persoas que estiveron de IT, si exclúen e discriminan a unha gran maioría dos traballadores/as,
entre eles os/as eventuais, que seguramente quedarán fóra do cobro desta paga. Outra mostra máis de que estes sindicatos carecen de capacidade negociadora e actúan como meros voceiros da empresa.
“Ante este escenario, CUT e CGT reforzamos o noso compromiso de traballar conxuntamente para establecermos loitas unitarias en todos os centros de Stellantis no estado español”
Ante este escenario, CUT e CGT reforzamos o noso compromiso de traballar conxuntamente para establecermos loitas unitarias en todos os centros de Stellantis no estado español, tanto xurídicas como sindicais. Porque as políticas da empresa son as mesmas en todas partes e a súa complicidade cos sindicatos do réxime tamén.
Non esquecemos quen é o noso verdadeiro adversario: a empresa. Pero tampouco ignoramos quen son os nosos inimigos: aqueles que, dicindo representar á clase traballadora, venden os seus dereitos ao mellor “postor”.
“Seguiremos esixindo o reparto xusto da paga de beneficios, porque existe e pertence ás persoas traballadoras.”
Por iso, seguiremos esixindo, máis aló deste miserable “bonus”, o reparto xusto da paga de beneficios, porque existe e pertence ás persoas traballadoras. Así como a súa consolidación para que sexa un dereito estable e non unha “limosna” arbitraria da empresa.