Unha vitoria de todas: ITG (Frigolouro Porriño) readmite ao compañeiro Néstor

248
O compañeiro Néstor á dereita da imaxe acompañado por Berto Covelo, responsable de acción sindical CUT Vigo

Hoxe é un día para celebrar.

Néstor, traballador da empresa Industria Tripera Gallega S.L, sita nas instalacións de Frigolouro en Porriño, foi readmitido despois do seu inxusto despedimento. Néstor quere agradecernos a todas e todos o apoio, a calor e a solidariedade que lle prestamos estes días. A continuación, as palabras que acaba de pronunciar o compañeiro en rolda de prensa:

“Estou hoxe aquí para agradecervos a todos e a todas o que fixestes, porque grazas a vós podo agora transmitirvos boas novas.

Aos que estivestes na porta de Frigolouro berrando e repartindo cariño…

Veciñas, amigos, compañeiras….

Ás que vos parastes a preguntar…

Aos que lle destes difusión ao meu caso polo boca a boca ou polas redes….

Ás xornalistas e os informadores que cubristes e seguides a cubrir o que nos pasa aos traballadores de Porriño ou de calquera outro sitio. ….

Grazas por arrouparme e, sobre todo, por entender que hai que posicionarse ante as inxustizas que hoxe sufrín eu, pero que está a sofrer toda a clase traballadora.

Quero compartir con vós que penso que o feito de que deramos esta batalla era xa gañar, pero desta vez a vitoria foi absoluta. E non debemos ter medo a dicilo, todo o contrario: o importarte é que, dalgún xeito e con toda humildade, este desenlace sirva de exemplo para outros casos.

Logo de que me despediran hai unhas semanas, nun principio pensei en pelexar xurídicamente, nos tribunais. Tiña tan claro que o despedimento era inxusto, que semellaba que o pronunciamento dun xuíz ou xuíza non podía máis que darme a razón e colocar á empresa no seu sitio.

Pero optei (optamos) pola vía da batalla sindical, a da solidariedade da nosa clase, a da concentración de protesta, a de evidenciar publicamente o que pasa dentro das paredes dunha empresa que, como moitas, como a maioría, abusa e maltrata ás traballadoras.

Pois ben, gañamos!!!!

E queremos dicilo con maiúsculas, gañamos; queremos berralo coas nosas roncas voces, gañamos;e por moitas voltas que lle deamos e lle queiran dar agora, gañamos. Temos a necesidade de dicilo e non para autocomplacernos, senón para que non cunda o vitimismo e para que nos atrevamos a reivindicarnos como clase, pois moitas veces se gaña.

“A loita de clases existe e vamos gañando”. Dicia isto Warner Buffet, un americano rico entre os ricos que cohabitan este planeta. E dicíao coñecedor dunha realidade obvia, que moitos se empeñan en negar, porque negalo é parte do proceso, ese proceso que nos arrastra a perder a conciencia e o orgullo como clase traballadora, e que sen dúbida deriva en non defender a nosa parte, e tristemente adoita rematar en deixarnos perder.”

Loitemos sempre. Gañaremos nós.