UNHA REFORMA ESTRUTURAL DAS PRAZAS NOS CENTROS GALEGOS,  DISFRAZADA DE ACORDO SECTORIAL

346

A maioría das organizacións sindicais do ensino galego, decidiron asinar un novo acordo para perpeturar e empeorar as condicións xa precarias do persoal temporal e que ten efectos tamén no persoal definitivo, xa que o seu calado é tal que o que vén a reformar é un enorme número de prazas de todo o sistema educativo. 

Comezando por analizar o marco e a razón da rúbrica dun novo acordo, xa que de ser unha mera ampliación sería unha addenda máis.  Atopamos de fondo a reforma do EBEP e do seu artigo 10 que deriva na limitación da contratación a 3 anos en prazas estruturais. Explicítase tamén que ningún acordo autonómico pode contravir a lei. Así se está a implantar nas restantes administracións e na Sanidade pública coa adaptación ministerial a dito artigo. Porén, o Ministerio de Educación non determinou unha adaptación xeral para o conxunto do estado, senón que deixa como marco o EBEP para logo ser aplicado nas diferentes autonomías conforme a el. 

Unha vez comprendido o marco xurídico, atopámonos que na Galiza a Consellería de Educación e os sindicatos que aplauden as súas medidas deciden eludir a adaptación que marca o marco xeral, coa suposta intencionalidade de non tocar as listas e ofrecendo unha información completamente sesgada da realidade. 

O maniqueismo é absoluto, sendo que as organizacións asinantes eluden informar sobre o cambio que sofrirán as prazas provisionais ao poñerlles a etiqueta de estruturais e non estruturais dunha forma completamente aleatoria e facendo unha interpretación propia da lei xeral. Isto é o que asinaron: 

  • Prazas estruturais temporais (xubilación non amortizadas, falecementos ou de nova creación): diminúen en número xa que si se ven afectadas polo novo EBEP. Menos prazas deste tipo leva a maior temporalidade e a unha menor oferta no CXT.  
  • Prazas non estruturais temporais: aumentan en número para segundo din, eludir a limitación a tres anos que marca o EBEP, unha elusión que contravén a norma e que saben que unha sentenza xudicial desfará. Tentan lexitimar a proposta na duración anual dos contratos. 

A suposta lexitimación do acordo cae polo seu propio peso ao recoñecerse na Lei 20/21 que o profesorado estaba en abuso de temporalidad e fraude de lei como outras administracións e por tanto dos procesos de estabilización, A PESAR DA CONTRATACIÓN ANUAL. A vinculación laboral continuada recoñécese en calquera caso como así é recoñecida como antigüidade con trienios e sexenios.  

O resto de cláusulas do acordo non modifican en nada sustanciable o existente e por suposto empeoran as condicións actuais con maior inseguridade xurídica, salvo nas conciliacións: 

  • O profesorado técnico de FP sigue sen ter segura a súa permanencia nas listas, provocando que por desleixo de sindicatos e administracións, sexan os xulgados os que os rematen. A Xunta queda ben sabendo que incumpre e non protexe a este persoal de litixios que saben gañados. Déixanos estar para que os boten outros e dicir que eles non foron. 
  • Véndese como un logro volver á situación de renuncia por calquera contrato laboral, tras asinar e ser expulsados das listas compañeiros nos últimos anos por non ter contratos indefinidos ou ser autónomos.  
  • Tamén se celebra a redución do dereito de renuncia por ampliación de estudos con 3 anos como norma xeral e 4 ou 5 excepcional, algo incomprensible, dado que se trata dun recorte de dereitos claro. 
  • A ampliación da concilia ata os 12 anos é o único punto a celebrar deste acordo nefasto, e que consideramos debería ser ampliado á etapa de escolarización obrigatoria do menor. 

Por todo isto, a CUT denuncia este acordo, que precariza aos temporais aínda máis e rouba prazas estruturais aos definitivos que terán unha menor mobilidade. As organizacións asinantes son coñecedoras do que relatamos, pero non lles interesa falar claro, informar de forma completa. Tras non acudir aos chamamentos de folga e mobilizacións do profesorado propostos, queren converterse en adalides do profesorado temporal poñéndolle a soga no pescozo de novo. 

O profesorado que realmente está informado en diversas fontes,  coñece as leis, os límites reais do novo acordo e os perigos que contén. As descalificacións públicas cara as organizacións críticas con este acordo da Xunta que só provocará unha nova estruturación das prazas con maior provisionalidade, só poñen en evidencia a quen as emite e omite o que facilmente é contrastable. 

Dende a CUT non nos sorprende que os de sempre sigan a facerlle a ola á Consellería en cada acordo, en cada mesa, mentres formulan esta profunda reforma de prazas con consecuencia maiores do que nos queren vender. 

O profesorado sempre foi un corpo crítico e informado e por tanto de seguro será quen de tirar as súas propias conclusións ante esta nova deriva antisindical que nos pon día a día máis cerca dunha folga xeral.