Unha Galiza ceibe para vivirmos con dignidade

545

Nas rúas de Compostela encóntranse cada ano dúas posibilidades de futuro para o noso país. Dun lado, o eterno Xacobeo da Xunta, que condensa unha forma de Galiza feita para fóra, a expensas de políticas económicas e culturais baseadas na turistificación do territorio e na folclorización, cando non invisibilización, da nosa identidade; peregrinaxe cristiá con bandeiras españolas e tendas de recordos que substitúen o comercio local. Do outro lado, as mobilizacións de quen defende unha Galiza con dereito a ser e a decidir por si propia; os corpos que enchen as rúas cada ano para reivindicar un futuro en colectivo.

A clase traballadora galega nunca foi un grupo homoxéneo, mais nas últimas décadas semella que se afasta cada vez máis rápido dese clixé do home con funda fabril. A clase obreira galega está conformada por persoas que traballan en moi diferentes sectores, con condicións laborais e salarios múltiplos, de procedencias xeográficas moi diversas, mesmo que están atravesadas por outras moitas identidades. Aquilo por cuxa obra e graza somos aínda galegas segue a ser a lingua proletaria do noso pobo, mais hoxe en día as clases populares tamén falan español. Non só a organización en sindicatos, mais o simple recoñecemento das asalariadas como clase traballadora é algo cada vez menos habitual. E ante este panorama, diante dese suxeito político que move a historia e que se entende cada vez menos como clase e como galegas, temos a obriga de perguntarnos con honestidade cantas das nosas compañeiras celebran o Día do Apóstol e cantas reivindican o Día da Matria.

Cun panorama político en constante recomposición e unha onda reaccionaria recorrendo o mundo, co fantasma do fascismo avivando debates sociais que pensabamos superados, coas forzas neoconservadoras a gañar escanos e colocándoos á disposición da ultradereita, coa moderación dos discursos do que resta da esquerda española e cuns medios que sementan pánico como forma de comunicación política, cómpre intentarmos comprender a quen rexeita o noso día nacional e recoñecer que o españolismo tamén ten base entre persoas que deberían defender os intereses dunha Galiza independente. E se cadra explicar as veces que sexa preciso, sen superioridade moral, que as traballadoras galegas enfrontamos unhas condicións de explotación consecuencia do colonialismo, que o Estado español leva décadas tomando decisións políticas contra dos nosos intereses económicos, que os nosos sectores primarios pagan os acordos que se toman en Europa; mais tamén que é posíbel conservar o territorio, o traballo, a memoria, os dereitos, a lingua. Que non defendemos unha Galiza soberana por dogma, mais porque sabemos que é a única vía posíbel para construírmos un país desde a nosa clase.

Cómpre avanzar na organización e na mobilización popular en chave galega, tamén desde o sindicalismo. É preciso pensarmos en colectivo, atrevernos a propoñer e defender o dereito a errar. Continuar a traballar nos centros de traballo, nas asembleas, nas rúas e en cada un dos espazos en que sexa necesario para capitalizar o descontento de quen non quere vivir instalada no medo. E defender, cada 25 de xullo, como cada 8 de marzo, 1º de maio ou 10 de marzo, a urxencia dunha Galiza ceibe.