Unha folga contra o desastre

152

A calma aparente coa que comezou o curso non oculta a difícil realidade que vivimos nos centros educativos. A baixada do horario lectivo e o período de vacacións serviron, quizais, para acougar temporalmente a axitación coa que as nosas demandas comezaban a levarse ás rúas e a compartirse con toda a sociedade. Se ben, sabemos que a problemática no sistema educativo non é puntual senón estrutural. Trátase dun sistema que podrece roubando, curso a curso, a calidade que todo servizo público debería estar obrigado a ofrecer, polo que a autoorganización do profesorado nos centros de traballo e as mobilizacións deben continuar durante este curso.

Achégase unha folga xeral. O 11 de novembro as traballadoras somos chamadas a amosar nas rúas que non aceptamos máis unha realidade que nos afoga, que non nos deixa construír as condicións necesarias para unha vida digna. Non é só a vivenda, é todo. Os prezos son inasumíbeis. A clase traballadora xa non pode acceder a unha alimentación saudábel nin a un consumo axeitado da enerxía (luz, gas, gasolina…) nin a unha atención sanitaria decente (máis alá da deteriorada sanidade pública, poderiamos falar do custo de lentes, implantes dentais, pezas ortopédicas ou medicamentos que non cubre a seguridade social). Nin sequera podemos acceder a un ocio de calidade. Tampouco, por suposto, podemos acceder a unha vivenda digna.

O profesorado non está fóra desta realidade. Sufrimos como toda a clase traballadora as consecuencias dun sistema cruel que nos oprime. Por iso deberiamos participar na folga. Tanto por nós coma por quen sufre con máis brutalidade o impacto das políticas lesivas dos gobernos.

Sabemos que esta folga xeral vai ser utilizada coma un lavado de cara por parte do PSOE e dos partidos que o apoian. Necesitan un argumento electoral que faga esquecer que levan oito anos contribuíndo a esta realidade que denunciamos. Mais as folgas laborais fanse contra os gobernos, non a favor.

A CUT sempre defendeu a folga coma unha ferramenta valiosa para a loita polos dereitos da clase traballadora. Ten un alto custo para nós, sabémolo, por iso temos que acudir coa firmeza que nos outorga a razón e afastándonos de manipulacións e de intereses espurios de todo tipo, mesmo electorais. Comprobamos con estupor que sindicatos e partidos políticos que levan oito anos entregados a unha vida contemplativa súmanse agora a esta convocatoria arrastrados polo Sindicato de Inquilinas e por non poder deter por máis tempo o clamor dunha sociedade farta que os sinala co dedo pola súa inutilidade.

A do día 11 de novembro é unha folga xeral, non só da educación. Aínda así, os nosos problemas laborais deben ser denunciados coma os de calquera outro colectivo. Denunciemos nas rúas o abuso da temporalidade por parte da administración educativa que precariza a moreas de docentes; denunciemos a eliminación de aulas no rural que contribúe á desaparición de vilas e aldeas; denunciemos o desprezo continuo ás docentes de Latín e Grego que busca ocultarlle á sociedade o coñecemento dunha parte irrenunciábel do seu patrimonio; denunciemos a entrega da FP á empresa privada para que os intereses do mercado xoguen co noso futuro; denunciemos a falta de oportunidades laborais para as especialistas en necesidades educativas especiais que vai conformando, dende a infancia, unha división social entre cidadás de primeira e cidadás de segunda. Denunciemos, en definitiva, que non é só a vivenda, é o sistema.

11 de novembro, FOLGA XERAL!