A CUT Ensino editou no mes de abril a súa primeira revista que fixo chegar a centos de centros galegos. Esta edición publicouse grazas á xenerosidade económica da afiliación nun sindicalismo sin subvencións, ao traballo ilusionante das compañeiras de ensino que levan varios anos traballando para un espazo diferente no ensino galego, e, o máis importante, a solidariedade de clase dentro do sindicato: foron os delegados de Citroen, UNVI, Pescanova, Autoescolas, CRTVG, hostelería, etc. os que percorreron os centros de ensino para facer chegar a todas a información, botando unha man mentres as compañeiras de ensino non teñan representación para poder facelo elas mesmas.
Non somos unha illa, somos unha peza máis da clase traballadora, igualmente maltratada, abusada e explotada polo capital. Porén parece o parasindicalismo burócrata queira manter a paz social e non teña xa armas e ideas para combater a Feijóo e a Rueda, como se veu no gran engano dos procesos de oposición e estabilización aceptado por todos os sindicatos da mesa.
A CUT está aquí para quedarse e transformar dende a base, a solidariedade obreira e a mobilización como vimos facendo nestes últimos 5 anos de loita nas rúas, no Parlamento, nos medios (cando lles interesou) e non está aquí para ser cómoda, para manter a falsa paz que levamos mantendo no ensino ante un sistema de xestión corrupto, caciquil e que tende á destrución de todos os valores anticapitalistas e socialistas: feminismo, diversidade, ecoloxismo, solidariedade obreira, autodeterminación dos pobos, laicismo,…….
O noso exército solidario non puido chegar a todos os centros galegos e por iso aquí vos deixamos a nosa carta de presentación, o noso pensamento e razón de ser, por medio de artigos, reflexións e un breve repaso do noso labor ata este ano.
Agardamos que sexa unha agradable lectura e sobre todo que vos faga reflexionar sobre onde estamos, que queremos como docentes e cara onde imos.
BENVIDAS AO SINDICALISMO DE COMBATE DO PROFESORADO GALEGO
un ensino cargado de futuro