Último adeus a Xosé Portela

1800

Esta madrugada faleceu o camarada Xosé Manuel Portela, logo dunha vida de entrega militante á súa clase e ao seu país. Nos últimos anos ocupábase de consolidar na cidade da Coruña o proxecto sindical da CUT.

A doenza venceu a Portela pero non puido coa súa convicción revolucionaria e o seu exemplo. A dor que o sindicalismo de clase e os movementos sociais da cidade da Coruña sentimos pola súa perda non acala a débeda humana e política que todas contraemos con el.

Ocupado na tarefa cotiá de facer posíbel o comunismo na súa terra activouse na clandestinidade política e antifascista dos 70 para pular decote por un mundo mellor para as obreiras e os obreiros. Xaora no sindicalismo, incorporado ás expresións asemblearias e xenuinamente combativas, xaora na Coruña máis social do 15-M de Monte Alto, Stop Desafiuzamentos, Elviña non se vende e, moi especialmente, pulando polo Centro Social A Comuna. A CUT débelle especialmente uns últimos anos de entrega infatigábel para, cunha morea de dificultades, levar para adiante o traballo de formiga de reconstruír o sindicato na cidade.

As traballadoras e traballadores do país aprendemos do seu compromiso sindical, onde construíu cunha morea de compañeiras e compañeiros da Universidade da Coruña unha alternativa sindical e asemblearia maioritaria que nunca se comprendería sen o seu papel.

Na CUT seguiremos a defender o guión que con Xosé Portela construímos en colectivo, co horizonte do socialismo obreiro, coa dificultade de termos que construír un mundo novo para todas. E tamén na batalla por a este país libre de toda caste de expolio e atadura colonial. A Galiza ceibe, sen explotación e sen dominación patriacal que el quixo queda depositada nas mans de todas e todos as que loitamos onda el.

Que a terra lle sexa leve ao compañeiro. E que no lugar material onde descanse para sempre poida sorrir e sentirse orgulloso de nós.