O TSXG considera que a empresa utilizou un informe médico da Mutua “a conveniencia para xustificar a denegación do exercicio do dereito á conciliación da traballadora”, condenando á empresa pública a un pagamento de 2000 euros por danos morais.
O Tribunal Superior de Xutiza de Galiza vén de revogar a sentenza do Xulgado do Social núm 3 que lle denegaba a unha traballadora da CRTVG unha mudanza de quenda para facer efectivo o seu dereito á conciliación da vida persoal, laboral e familiar. A traballadora, cunha menor e unha maior dependente ao cargo, intentou sen éxito organizar a súa xornada laboral, ao que a CRTVG se opuxo ao primeiro sen motivación clara, e despois cun informe médico fabricado para o acto do Xuízo que desconsellaba a quenda que ela solicitiba, único elemento no que a xulgadora de instancia baseou a súa denegación.
Sen embargo, o TSXG vén de acoller as demandas plantexadas por longo tempo pola CUT dentro da empresa, ao compartir o criterio de que o Convenio Colectivo do ente non pode ser utilizado para constreñir o dereito á conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Así como as demandas deste sindicato de que se deixen de utilizar os informes médicos da Mutua Mugatra para limitar dereitos ao considerar o Tribunal que “hai datos fácticos que permiten considerar que as conclusións emanadas do recoñecemento [médico] utilizáronse a conveniencia para xustificar a denegación do exercicio do dereito”.
Na redacción do poñente Fernando Lousada Arochena, impedir en base a recomendacións médicas o exercicio deste dereito “supón unha inapropiada actitude paternalista descoñecedora tanto da decisión de autodeterminación da traballadora demandante como do carácter constitucional do dereito de conciliación”, ao tempo que reprocha que “non hai unha referencia específica á igualdade de xénero […] que se proxecta de maneira específica sobre a saúde laboral, daí que na elaboración e na aplicación dos protocolos médicos se deba considerar, para evitar unha desvantaxa particular das mulleres, que estas habitualmente dedican máis tempo cos homes ás tarefas domésticas […] padecendo así unha dobre xornada”.
A CUT anima ás traballadoras a solicitar os danos morais pola vulneración do seu dereito á igualdade e urxe aos Comités de Prevención a supervisar que nos protocolos médicos se teñan en conta a afectación das medidas conciliatorias.
Así tamén a Sentenza acolle unha indemnización de 2000 euros polo dano moral xerado á traballadora, ao considerar transgredidos tal e como argumentou a defensa do sindicato o dereito á igualdade e á non discriminación por sexos do artigo 14 da CE, así como as obrigas e dereitos referidos ao coidados dos menores contidos no artigo 39 do mesmo texto. Ao tempo, condena á empresa a abonar os gastos de gardería no tempo en que non foi respectado o exercicio deste dereito.
O sindicato CUT anima ás traballadoras que ven denegadas reiteradamente e sen motivacións as súas solicitudes de conciliación a solicitar os danos morais pola vulneración do seu dereito á igualdade e urxe aos Comités de Prevención das empresas galegas a supervisar que nos protocolos médicos se inclúan factores de avaliación sobre a repercursión das medidas de conciliación na propia saúde das traballadoras.