TRIPLE VÍA E ACCESO RESTRINXIDO

615

 

May be an image of 1 persoa, standing e actividades ao aire libre

 

No día de hoxe publicouse no BOE a modificación do RD 276/2007 de Acceso á Función Pública Docente. Este documento acompáñase para entender os procesos de consolidación en marcha e cambios ata 2025 do Ditamen do Consello de Estado emitido o pasado venres 7 de Abril.

O Ditamen clarifica no punto IV a xurisprudencia constitucional sobre os procesos de consolidación en ensino e aclara que se poden levar a cabo procesos restrinxidos sen vulnerar o principio de igualdade, mérito e capacidade do artigo 23.2 CE.  O Ditamen non é preceptivo pero si facultativo, é dicir, non obriga pero permite e “convida” a ter en conta as súas observacións, como de feito se reflicte nos cambios introducidos no Real Decreto de Acceso polas súas consideracións. 

Este punto IV do ditamen é de vital importancia para comprender o desenvolvemento que as comunidades autónomas poden dar a estes procesos para resarcir de forma axeitada ás damnificadas e non converter os procesos en accesos ordinarios. Engadir tamén que ningún funcionario de carreira nomeado polo Ministerio de Educación pode presentarse  a estes procesos de acceso xa que xa están dentro da administración convocante, como pretenden insinuar algunhas informacións tóxicas. Restrinxir o acceso ao persoal ao que vai dirixida a estabilización é xa posible con este ditamen ás persoas en abuso de temporalidade e fraude de lei. Esta información de vital importancia xa foi recollida e valorada pola prensa, pero aínda non polas organizacións sindicais. 

 Ambos documentos clarifican por unha banda sobre que prazas aplicar os procesos e por outra de que maneira desenvolvelos, deixando a pota aberta a ser restrinxidos os dous procesos de estabilización. 

Outra das novidades que se introducen é que os procesos convocados antes de hoxe 13 de abril de 2022 rexiranse polo sistema ordinario, aínda existindo a Lei 20/2021 dende o mes de decembro. Isto tradúcese na lexitimación por parte do Ministerio da celebración de forma ordinaria das oposicións deste ano en Galiza e resto de comunidades. 

En definitiva, atopámonos tres modalidades de procesos  a convocar, dous de estabilización (concurso de méritos e concurso-oposición transitorio) e un ordinario. Analicemos un a un:

PROCESOS DE ESTABILIZACIÓN (DOBRE VÍA: CONCURSO DE MÉRITOS + CONCURSO-OPOSICIÓN TRANSITORIO)

Os procesos de estabilización serán celebrados entre 2022-2024 por dúas vías e establécese como válido e constitucional  que ambos procesos sexan de acceso restrinxido ao persoal afectado:

MODALIDAD 1. CONCURSO DE MÉRITOS EXCEPCIONAL: celebrarase por unha soa vez sobre as prazas da DA6 e DA8. No caso da DA6 establécese que as prazas sexan cubertas de forma temporal dende antes de 2016. Na DA8 fala de persoal interino hoxe en calquera praza estrutural con antigüidade 2016.

          ? BAREMO DO CONCURSO DE MÉRITOS EXCEPCIONAL: neste caso non existirá fase de oposición, pasándose directamente á fase de concurso valorada nun máximo de 15 puntos. A antigüidade terá un tope de 7 puntos, a formación académica 3 puntos e outros méritos 5 puntos. Neste último apartado inclúese a formación ou/e ter superado un proceso selectivo dende 2012 sen praza (2.5 puntos ata un máximo de 5 puntos). Consulta baremo aquí.  

MODALIDADE 2. CONCURSO-OPOSICIÓN TRANSITORIO: este procedemento será previsiblemente tamén por unha vez en Galicia polo escaso número de prazas que se inclúen nel (115 ofertadas pola Xunta), e é referido ás prazas de estabilización que recolle o artigo 2 da Lei 20/2021 (ocupadas de forma ininterrompida dende 2018). 

        ?PROBAS E BAREMO DO CONCURSO-OPOSICIÓN TRANSITORIO: este sistema terá tamén dúas fases: de oposición (60%) e de concurso (40%). Na fase de oposición haberá unha proba A (desenvolvemento dun tema), non eliminatoria, e unha proba B (exposición dunha unidade didáctica a elección do opositor). Unha vez superada a fase de oposición cun 5, pasarase á fase de concurso. Na fase de concurso a experiencia valorarase ata 7 puntos dun total de 10. Ter superado algún proceso anterior dende 2012 valorarase 0.75. Consulta do baremo aquí. 

PROCESOS ORDINARIOS (XUÑO 2022 E POSTERIORES)

Os procesos ordinarios seguirán tendo lugar entre 2022-2024, á marxe dos dous procesos anteriores, coas prazas de reposición correspondentes a xubilacións, falecementos, etc. e serán de acceso libre a calquera aspirante.

PROBAS DOS PROCESOS ORDINARIOS: o sistema establece dúas fases: de oposición (66%) e de concurso (33%). Na fase de oposición haberá dúas partes: parte A con dúas probas: tema + suposto práctico e parte B con outras dúas: programación + unidade didáctica. Ambas partes A e B serán elimatorias (non entre as súas probas). Unha vez superadas cada unha delas accederas á fase de concurso co baremo establecido no Anexo I do RD 276/2007. Na fase de concurso a experiencia valorarase ata un máximo de 5 sobre un total de 10. 

VALORACIÓN E POSICIONAMENTO DA CUT ENSINO

Dende a CUT celebramos que se poña sobre papel a legalidade dos procesos restrinxidos no ensino, onde a casuística na cobertura de prazas de carácter anual, a inexistencia de catálogos de prazas e o recurso á urxencia para solventar momentos de necesidades na contratación ou ben de recortes en base a crises orzamentarias ou doutra índole, leva a unhas condicións singulares no sistema de contratación e réxime xurídico aplicable. 

Unha vez logrado o que a todas luces parecía lóxico e natural: as prazas de estabilización para o persoal a estabilizar, o profesorado da CUT consideramos antes e agora dende 2017 a necesidade de separar as prazas de reposición das de estabilización. Así o seguimos a defender sempre e cando se rescaten e recuperen aquelas prazas de estabilización ofertadas e ocupadas como se fosen de simple reposición na etapa 2017-2021 e que a Xunta cifra en 2.621 nos seus informes, e das que só unha pequena parte cumpriron o seu fin: a estabilización, dando paso a moitos máis aspirantes novos que prazas de reposición había nesa etapa. 

Esta premisa: as prazas de estabilización para o persoal a estabilizar e non para os novos aspirantes, que pode parecer simple e lóxica, é a que non se deu nos anos 2017-2021 nos falsos procesos de estabilización de acceso libre, convertidos en auténticos ERES da man de CCOO, UGT e CSIF e que deixaron na rúa a centos de compañeiras docentes, nun engano masivo e un insulto á intelixencia do profesorado. 

Isto quere dicir que o número de prazas de estabilización debe ser o mesmo que persoas afectadas en fraude de lei traballando dende canto menos o curso 2017-2018 como interinos: tantas a concurso como traballadoras anteriores a 2016 e a concurso-oposicion ordinario como aqueles con antigüidade anterior a 2018 (axustándonos á normativa actual).  Dentro destes supostoss ten que valorarse o dereito que exerceu o profesorado a reducións ou excedencias por conciliación, comisións, baixas médicas e calquera outra circunstancia recollida na Lei Xeral de Función Pública de Galicia ou na súa adaptación na Consellería de Educación. 

Agora que as bases legais están establecidas en todo o estado,  imos seguir moi de preto as negociacións na Consellería de Educación das organizacións da Mesa Sectorial, sendo alí onde se van determinar o número de prazas en cada proceso e sendo tamén alí, onde a CUT Ensino vai estar reclamando para as damnificadas cada unha delas ata estar todas consolidadas nos nosos postos e que cada proceso se restrinxa ás persoas  afectadas da Conselleria de Educación. 

Con tal motivo, e para dar traslado das nosa reivindicacións, convocamos a todo o profesorado galego a apoiar este proceso personándose ante a vinderia mesa de negociación cunha masiva concentración en San Caetano no día que se celebre e que anunciaremos. En función dos resultados desa Mesa e das prazas a ofertar en cada proceso, valoraremos o inicio de paros e camiñaremos cara a convocatoria de folga o próximo 2 de maio de non cumprirse coa oferta necesaria para non deixar a ninguén atrás. 

Convidamos tamén a todas as organizacións sindicais do ensino, de fóra e dentro da mesa a apoiar, participar, acompañar ou liderar se así o consideran esta loita, co único fin de consolidar os postos de todas as compañeiras.

COORDINADORA DA CUT ENSINO

13 de abril de 2022