Tres meses de folga nos CSC de Compostela contra a precarización do servizo

132

O servizo de Centros Socioculturais de Compostela arrastra meses de tensión laboral a causa da nova licitación que establece unha división en catro lotes, en lugar dun único como era habitual. Isto significa o fraccionamento da plantilla en varias empresas concesionarias, cada unha coas súas condicións diferenciadas e co conseguinte transtorno de coordinación para o servizo, un feito que a curto prazo pagará a cidadanía na calidade do servizo.

As traballadoras da contrata de centros socioculturais están no seu terceiro mes de folga, a súa demanda máis importante: manter o convenio actual para toda a plantilla e para as novas incorporacións.

O convenio igualitario é unha demanda importante, xa que o actual convenio de empresa recolle importantes melloras con respecto aos convenio sectoriais, tanto económicas como de dereiros.

O convenio e o seu marco de negociación son a pedra angular deste conflito, para o que as traballadoras solicitan que as novas empresas recoñezan ao actual comité, formado por cinco traballadoras do servizo. Para o seu recoñecemento levan meses solicitando a intermediación do concello con multitude de concentracións en Raxoi e nos Centros Socioculturais. As traballadoras solicitan ao concello, como principal garante do servizo para a cidadanía, que axude ás traballadoras na mediación coas empresas para que os servizos públicos non se vexan avocados á perda de calidade, que é o que conlevan as precarizacións nos contratos e convenios das empresas que priman o seu beneficio por riba de todo.

O conflito continúa enquistado á espera dun novo paso por parte da administración, un paso que protexa os dereitos das traballadoras para obter un servizo de dinamización sociocultural de calidade e digno para a cidadanía.