Terceira condena a Política Social por negar o dereito a conciliación das traballadoras nas residencias

246

O Xulgado do Social nº 5 da Coruña dita sentenza estimando a adaptación horaria solicitada pola traballadora e obriga á Consellaría a indemnizala en 900€ por denegacións “case baseadas en modelos tipo”.

A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) insiste na súa denuncia de que a Consellaría de Política Social, responsábel das residencias públicas de maiores segue a someter ás súas traballadoras, maltratadas xa pola tensión asistencial e a falta de recursos fronte á COVID-19, á privación dos seus dereitos laborais máis básicos, ao impedirlles conciliar a súa vida persoal, laboral e familiar, baixo o argumento de que “a propia natureza do servizo o impide”. Desta maneira, esta semana o sindicato sumou, moi ao seu pesar, a terceira condena xudicial a esta Consellaría por desobecer alarmantemente os dereitos básicos deste sector feminizado, ao que se lle poñen todas as dificultades para organizar en condiciósn de dignidade a súa outra xornada laboral, a dos coidados familiares.

A xulgadora coincidiu co sindicato na “procedencia do recoñecemento a favor da actora da indemnización de danos e perdas derivados da negativa ao dereito á adaptación da súa xornada amparada pola demandada en alegacións xenéricas e é máis como se alude pola representación letrada da parte actora case baseadas en modelos tipo, onde non se valoran as reais circunstancias da solicitante e o máis relevante contrástanse con razóns obxectivas e concretas que impiden o recoñecemento […]”.

A Secretaría das Mulleres da CUT lamenta que as traballadoras se vexan obrigadas a acudir aos xulgados para facer efectivo o seu dereito á concialiación e insta a todas as empregadas que se vexan nesta situación a reclamar ante a Administración. “É especialmente cru e lamentábel que a Consellería de Política Social, que debería actuar con exemplaridade, negue sistematicamente ás traballadoras un dereito tan fundamental como é a conciliación”, sosteñen dende a Secretaría que lembra a alta feminización do cadro de persoal das traballadoras das residencias que se ven afectadas por esta mala praxe. “As traballadoras das residencias coidan das nosas persoas máis queridas e temos o deber social, ético e político de coidar a quen nos coida e dende a CUT encargarémonos de que cada un dos seus dereitos sexan cumpridos e respectados”.

Os argumentos que a Consellaría de Política Social utiliza, vulnerando constantemente o seu deber de acción positiva en favor da igualdade real nos seus centros, están a ser reproducidos unha e outra volta para denegar en masa o dereito de conciliación do cadro de persoal, enviando unha mensaxe contundente de que os seus dereitos non teñen cabida entre as paredes dos centros residenciais, continuando unha histórica práctica de deshumanización e maltrato das compañeiras que defenden, moi a pesar do goberno da Xunta, un sistema público de coidados onde as nosas maiores conten.

A Xulgadora concluíu neste caso que “ponderando os intereses en conflito, a consecuencia ha de ser que correspondéndolle a AFILIADA, o dereito á adaptación da súa xornada en atención ás necesidades do seu fillo menor de idade, e a súa nai, e estimada adecuada a tal necesidade a fixación dun horario no servizo en quenda de mañá que faga compatible a atención e coidado do seu fillo, polo menos ata que este alcance os doce anos, e a súa nai, e mentres manteñan a necesidade de asistencia e coidado, en horario de Luns a Domingo de 08:00 horas a 15:00 (en rotación)”.