T-Solar, unha experiencia activa de resistencia obreira.

89

Os traballadores e traballadoras da fábrica ourensá de paneis solares celebran o seu 75º día de ocupación da fábrica contra o desmantelamento, un dos focos de resistencia obreira máis vivo do país.

A historia da fábrica de paneis T-Solar, pertencente ao grupo T-Solar Global SAU, filial do monstro Isolux, constitúe en si mesma unha escola na que aprender ao redor da loita de clases en Galiza. Se dunha banda a multinacional Isolux, enredada en escuros negocios co Partido Popular celebra o seu breve festín de cinco anos (dende a apertura da nave no 2007 até o seu peche no 2012) no que enguliron máis de 60 millóns de euros en fondos públicos, da outra as traballadoras e traballadores, máis de 170, enredan nunha épica batalla sindical que se concretou nunha morea de mobilizacións e que ten o seu epicentro nunha ocupación indefinida da fábrica para evitar o seu desmantelamento que suma hoxe 75 días.En síntese, voracidade contra dignidade. As alianzas das traballadoras e traballadores en loita semellan ser poucas. Se o abandono de calquera ética sindical por parte dos grandes sindicatos, que desertaron da loita sindical para vender un ERE de extinción como única saída posíbel é un dos grandes atrancos; a xestión neglixente do tecido produtivo industrial galego por parte da Xunta de Galiza non axuda tampouco. Sumada á inexistente política industrial do goberno galego, que máis adiante cuestionaremos, a falta de capacidade da Xunta de Galiza e da Consellería de Industria para iniciar un diálogo logo de máis de dous meses en loita, gardando unha tétrica ambigüidade, demostra o pouco interese do PPdeG por defender o emprego e o tecido produtivo galego.Con todo, as aliadas deste cadro de persoal medran. Dunha banda, contan coas súas propias forzas. T-Solar é tamén unha escola para o sindicalismo de base e alternativo, esa práctica sindical que foxe dos iluminati, dos salvadores supremos, e confía enerxicamente na autoorganización da clase traballadora. É unha mostra clara da necesidade do proxecto sindical da CUT. Se polo mes de xuño, os traballadores e traballadoras afiliados á nosa central sindical reverteron onda outras compañeiras e compañeiros unha situación de “técnica derrota colectiva” co ERE asinado, co persoal na rúa e coa nave pechada, foi o seu esforzo, organizando debates internos, negociando con outras traballadoras, repartindo panfletos, intervindo vivamente nas asembleas, etc, quen conseguiron reactivar o conflito. Hoxe, este goza saúde. Hoxe, no recinto de T-Solar, conviven as dúas centrais sindicais galegas (CIG e CUT) man a man nun conflito que perdura e continuará con dureza á falta de solucións, e diante da ansia de a desmantelar de Isolux. Hoxe, son moitas as organizacións políticas parlamentares e extraparlamentares que apoian ao cadro de persoal. Dende o PSOE ou AGE, até o compromiso especial do BNG, as XCG ou Adiante. E sobre todo, hoxe é moita a sensibilidade social existente con este conflito no conxunto de Ourense e do país, que se concretou en potentes mobilizacións sociais, vivos debates parlamentares, intensas mostras de solidariedade e apoio e mesmo un núcleo de activistas no Concello de Ourense que se autoconstituíron en Asemblea Solidaria. Unha riqueza solidaria que referenda a idea de que a primeira e máis definitiva derrota nun conflito sindical é renderse. E que só a loita e a perseveranza abren un intenso abano de posibilidades.Pero sobre todo a riqueza deste conflito son elas e eles. Porque eles e elas organizan a marcha do peche, as actividades de proxección externa, as campañas de difusión, as mobilizacións, as iniciativas sociais. Son elas e eles a portavocía de si mesmas, sen inxerencias, por iso o conflito de T-Solar ten máis portavoces que ningún outro, e por iso está neste conflito tan vivo o noso compromiso de antepoñer a formación sindical das compañeiras e compañeiros á ansia de protagonismo e ao sectarismo sindical tan populares e estendidos. Só por iso, por ese esforzo, hoxe a Asemblea Xeral de Pechadas/os segue sendo o núcleo decisorio polo que pasan todas as iniciativas a adoptar.Segue pois unha batalla con acertos e reveses. Unha batalla que segundo se ten transmitido reiteradamente durará até que se dea cunha solución. E esa solución nunca será o desmantelamento ou venda por pezas da nave. A única solución admisíbel é a posta en marcha novamente da unidade produtiva. A garantía de todos os postos de traballo, do pan para as 170 familias.A CUT tenno claro, e repíteo por activa e por pasiva, se non hai unha solución na compra de T-Solar por parte dunha empresa privada, a Xunta de Galiza terá que asumir a súa responsabilidade máxima, e iso significa que en última instancia, de fracasaren as alternativas previas, daremos a batalla por un concepto chave: nacionalización. Xestión pública en man dos traballadores e traballadoras da empresa. Porque non imos deixar que esmoreza unha das necesarias apostas no noso país: a única factoría de produción de paneis solares. Porque non imos deixar esmorecer 170 empregos. Porque non imos permitir a destrución do noso tecido industrial.E sobre todo, porque T-Solar é unha metáfora de tantas e tantas loitas obreiras. E esta loita, temos que vencela nós!