As diferentes mobilizacións gandeiras que protagonizan con mérito a axenda política e sindical estes días deron en ser unha auténtica escola. Ao primeiro pola firmeza, a contundencia e a dignidade malia as diferenzas; despois porque, fronte a unha solidariedade maoritaria do conxunto da sociedade, seguen a darse expresións de odio ao noso medio rural a través da repetición de mantras, estereotipos ou discursos baldeiros que non cansaremos de combater.Con todo, un dos conflitos máis reveladores foi o cerco no Polígono do Tambre ao centro loxístico da multinacional DÍA. Malia que as causas polas que esta empresa resultou un obxectivo central das nosas gandeiras e gandeiros foron invisibilizadas pola prensa (negativa a asinar un acordo favorable ao recoñecemento dun prezo digno para o leite, constante tráfico de ofertas no leite a baixo custo empurrando o prezo/litro por baixo dos custos de produción…), os mass media non dubidaron en anunciar, unhas páxinas despois dunha enorme publicidade a cor desta multinacional, que Día procedera a un peche patronal.
La Voz de Galicia titulou vergoñentamente “El bloqueo del almacén de Día deja sin salario a sus 120 trabajadores”. Nalgunha foto o “pijo” Jorge Atán, subdelegado do goberno, presentándose como mediador/mercader en tempos de precampaña electoral. Día realizando un peche patronal de carácter absolutamente ilegal con grande resonancia (e apoio) mediática, tendo en conta que o lock-out é unha medida que a patronal pode utilizar contra os seus propios traballadores e traballadoras en determinadas condicións e no contexto dunha folga, nunca fronte a terceiros, como é o caso.Un clásico clase contra clase. Día pretendendo enfrontar aos traballadores e traballadoras cos nosos gandeiros e gandeiras coa ferramenta do salario. Intentando provocar unha fenda que, coa axuda dos voceiros do poder quebre a tan maioritaria expresión de solidariedade que se leva dado na batalla polo leite. Segundo La Voz é o bloqueo o que os deixa sen salario, e non a decisión empresarial do lock-out, como resulta obvio. E finalmente, todos ao unísono apraudindo coas orellas unha medida de Día, de carácter absolutamente ilegal e prohibida pola Lei, como é o peche patronal nesta situación, facéndonos ver ás claras que non lles preocupan que a Lei se incumpra, senón que o que lles preocupa é quen a incumpre.Estes conflitos clase contra clase só se gañan se nos adiantamos ás trampas do capital e os seus mercaderes. A xenerosidade e a solidariedade entre as clases populares é un dos piares da súa derrota que é a nosa vitoria. Contra os seus enganos: reforzar aínda máis a unidade obreira e popular.