Na acusación que CUT e SOS Racismo exercen contra un empresario de Tordoia, e despois de que a xuíza instrutora considerase a concorrencia de trata de seres humanos, a Subedelegación rectifica o seu abandono das vítimas.
A CUT leva meses a denunciar que o Xulgado de Instrución de Ordes, a Subdelegación do Goberno e o Ministerio Fiscal deixaron abandonadas ás vítimas de trata con fins de explotación laboral, sometidas a tratos degradantes e explotación laboral por un empresario de Tordoia.
Durante todos estes meses a única fronte de apoio, solidariedade e acollida que as compañeiras e compañeiros tiveron foi a das obreiras galegas, que chegaron a desenvolver unha concentración ante as portas do Xulgado, coa lenda “Nin explotación nin impunidade: subdelegación e Fiscalía responsábeis”.
Despois dun esforzo titánico de queixas, peticións ao Xulgado, mobilizacións, xuntanzas con institucións e reproches institucionais por parte da CUT e a entidade amiga SOS Racismo Galiza, e co apoio de entidades como o Foro Galego da Inmigración, logo da incorporación dunha nova titular ao Xulgado ordense, o Xulgado dispensou protección ás traballadoras como vítimas do delito de trata.
Despois dun esforzo titánico de queixas, peticións ao Xulgado, mobilizacións, xuntanzas con institucións e reproches institucionais por parte da CUT e a entidade amiga SOS Racismo Galiza, e co apoio de entidades como o Foro Galego da Inmigración, logo da incorporación dunha nova titular ao Xulgado ordense, o Xulgado dispensou protección ás traballadoras como vítimas do delito de trata.
Este xiro nas actuacións xudiciais levou á Subdelegación da Coruña a incoporarse ás institucións que outorgan protección ás compañeiras e compañeiros, poñendo en marcha os mecanismos para a concesión das autorizacións de residencia e traballo por circunstancias excepcionais, que se ten iniciado na semana pasada. A CUT contribuirá ao desenvolvemento dese procedemento para que o recoñecemento dos seus dereitos sexa o máis inmediato posíbel.
Nesta nova etapa do conflito contra a desatención, o Ministerio Fiscal segue sen rectificar o seu abandono institucional, e no día de hoxe segue sen convocar ás traballadoras tratadas a un encontro para proceder con lealdade, atención e fidelidade aos dereitos das vítimas.
A CUT celebra este cambio dos acontecementos, e recorda que o auténtico dispositivo criminal é a propia Lei de Estranxeiría, que ampara a impunidade, o abandono institucional e a condena ao silencio das vítimas de delitos tan execrábeis. Para o sindicato “a derrogación desta normativa clasista e colonial debe ser unha prioridade esencial. Aínda que o poder considere ilegais grupos enteiros de seres humanos, a clase obreira, coa solidariedade e a conciencia internacionalista, pode quebrar cada muro”.
Finalmente, fontes sindicais defenden que “o exemplo destas compañeiras e compañeiros que sufriron esta serie de actos criminais é extremadamente valioso, xa que proba que a unidade de clase pode frear a impunidade“, e recorda que “a súa coraxe, o seu paso á fronte, pode ser unha mensaxe que anime a máis compañeiras e compañeiros a percorrer o camiño da loita colectiva e a irmandade contra o raciscmo e a explotación”.