Tras a sentenza gañada pola CUT en 1ª instancia e ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, quedou claro que o acordo asinado pola dirección xunto co SIT, UGT e CCOO era discriminatorio. Pero en vez de asumir responsabilidades, dirección e lacaios decidiron culpar á CUT, demonizándonos en todos os centros do Estado por ter destapado esta inxustiza. E como represalia, a empresa suspendeu unilateralmente a paga de beneficios, sabendo perfectamente que o grupo este ano non repartiría beneficios.
Toda esta montaxe foi apoiada, unha vez máis, por SIT, UGT e CCOO. Agora, a empresa pretende pechar o acto final desta farsa cun falso proceso de “negociación” co “tri-partito”, cando en realidade en Francia, tras o conflito da suspensión da paga, xa se pactou outro modelo sen depender do fluxo de caixa.
Comparativa entre acordos:
| VIGO | FRANCIA |
| 180 días de presenza no ano de xeración | 90 días no ano de xeración |
| Debes estar de alta na empresa a 31/12 do ano de xeración | Non tés que estar dado de alta o día do cobro |
| Retíranse 176€ de paga, que xa era salario consolidado, mediante o complemento de xubilación. | Non se detraen cantidades do salario consolidado |
A maiores en Vigo (en Francia non o fan), inclúese a valoración do/a encargado/a, que implica:
1º. Seguridade e ergonomía
2º. Calidade e esmero no traballo
3º. Produtividade e estandarización.
4º. Custes e contribución ao aforro.
5º. Persoas e traballo en equipo.
“A maiores de ligar a paga de beneficios ao cumprimento de obxectivos, a empresa dedúcenos en Vigo 176 € por traballador/a, unha contía que xa formaba parte do salario consolidado que tiñamos dunhas pagas de lanzamento e dun complemento de xubilación.”
A maiores de ligar a paga de beneficios ao cumprimento de obxectivos, a empresa dedúcenos en Vigo 176 € por traballador/a, unha contía que xa formaba parte do salario consolidado que tiñamos dunhas pagas de lanzamento e dun complemento de xubilación. Segundo os nosos cálculos, isto supón un ingreso extra para a empresa de máis dun millón de euros só no centro de Vigo. Pero o abuso non remata aí: se aplicando os criterios fixados pola Dirección de Vigo algunha persoa obtén unha puntuación inferior a 2, non cobrará nada. É dicir, máis cartos para engordar as arcas da empresa.
“O que deberan repartirnos como beneficios, pretenden usalo para pagar os seus erros e os dos asinantes do acordo.”
Por se fora pouco, se na vindeira paga se cumpren os obxectivos e deciden adxudicar cartos aos centros de traballo da península, se o Tribunal Superior confirma a sentenza de instancia que declarou ilegal a cláusula que discriminaba as persoas que estaban de baixa, a empresa xa anuncia que descontará desa paga o custo da regularización da anterior —incluíndo o que deberían ter pagado ás persoas de baixa— así como os custos sociais derivados. Ou sexa, o que deberan repartirnos como beneficios, pretenden usalo para pagar os seus erros e os dos asinantes do acordo.
“Seguen penalizando o absentismo malia dicir o contrario: as persoas de baixa, ao non poder ser avaliadas en todos e cada un dos puntos, terán a maior parte unha puntuación inferior a 2, polo que NON cobrarían a paga.”
E non contentos con isto, ao entender da CUT seguen penalizando o absentismo malia dicir o contrario: as persoas de baixa, ao non poder ser avaliadas en todos e cada un dos puntos, terán a maior parte unha puntuación inferior a 2, polo que NON cobrarían a paga. O mesmo acontecerá coas persoas con limitacións, discapacidade ou medidas de conciliación que non se adaptan a todos os requisitos do cadro superior. Un castigo para a CUT encuberto ás costas da saúde, a diversidade e a vida persoal.












