Raquel Lema é responsable da Secretaría das Mulleres da CUT.
Non foi este tampouco un ano bo. Nin buscarei as cifras nin os nomes; pronto medran as primeiras e esquecemos os segundos. Asasínannos e maltrátannos de todas as formas imaxinables. Sabémolo, malia que aínda, non todas e non sempre, nos decatamos. E non é raro, o excepcional sería tomar consciencia do que nos pasa porque si, a pesar de todo e de todos, a pesar da lousa deste patriarcado que todo o impregna, ata os verbos dos titulares que debían limitarse a ese traballo fácil que consiste en chamarlle ás cousas polo seu nome. Nin con esa referencia contamos.
Pero cando estás alerta, coas lentes lilás que diría a nosa benquerida Lola, tamén ves pequenos episodios extraordinarios, alampos dunha forza reprimida que sabes que de estourar e verterse será imparable, invencible, transformadora de verdade, absolutamente revolucionaria.
Pois vimos de presenciar e acompañar unha destas pequenas marabillas tan necesarias. Foi no contexto dun conflito laboral. Consellería de Política Social: escolas infantís e sobre todo residencias de maiores, grandes inválidos/as, válidos/as e persoas con discapacidade; un traballo duro o que desenvolve o persoal deste imprescindible ámbito público.
Pero cando estás alerta, coas lentes lilás que diría a nosa benquerida Lola, tamén ves pequenos episodios extraordinarios, alampos dunha forza reprimida que sabes que de estourar e verterse será imparable, invencible, transformadora de verdade, absolutamente revolucionaria.
Duro e feminizado (claro, son os coidados…). Custa atopar un home nunha asemblea, pero hoxe queremos só pararnos nelas, que son maioría nunha plantilla de 4.000, das que o 75% son temporais. Ben, temporais polos contratos que enganchan e acumulan, porque levan tantos anos coidando dos nosos avós e avoas que parece mentira que teñan que ir ao xulgado a que lles recoñezan a relación laboral indefinida. Teñen que ir e deben ir, pero non quería aquí falar do conflito.
Quería falar de intelixencia, empatía, habilidades sociais e comunicativas, capacidade de traballar en equipo e, sobre todo, valor e coraxe. Son as características que definen ás traballadoras que tropezaron con nós porque os demais sindicatos non as escoitaron. Elas encontraron na lei de orzamentos unha bomba deseñada para acabar cos seus empregos e os demais non as escoitaron. Non lles interesaba; a saber. Pensaron que podían desactivalas coas vellas estratexias contra as mulleres: son catro tolas, maleducadas, fíxate ti como berran, e simples auxiliares de enfermería, cando non camareiras ou planchadoras, que saberán e que pretenden saber. O clasismo dentro da clase é sen dúbida o peor; dramático.
En Política Social custa atopar un home nunha asemblea, pero hoxe queremos só pararnos nelas, que son maioría nunha plantilla de 4.000, das que o 75% son temporais.
Pero deron en pedra, pedra dura coma o diamante. En tres días xuntaron a un cento e “visitaron” as sedes das grandes corporacións sindicais para pedirlles as explicacións e a axuda que non atoparon. Megáfono en man, marcharon para a Xunta outra mañá, a tocar outras portas. Reuníronse mesmo cos grupos parlamentarios para dirixir o foco cara o problema, conseguindo aí xa compromisos para tratar de modificar ese artigo desa lei que as mata laboralmente.
E todo isto, despois da súa quenda, ás veces nocturna; despois da súa vida, ás veces con fillos. E en paralelo, percorreron o país, centro a centro, para contarlles ás outras o que está a pasar, o que lles queren facer, iso que os outros silencian. Sirva de mostra da radicalidade do proceso o feito de que xa na primeira semana andaban a recoller sinaturas para intentar revogar ao comité de empresa, con plena consciencia da responsabilidade que de trunfar se aveciña.
Os sindicatos corporativos pensaron que podían desactivalas coas vellas estratexias contra as mulleres (son catro tolas, maleducadas…), “que saberán e que pretenden saber?”. O clasismo dentro da clase é sen dúbida o peor; dramático.
Poucas veces vimos armarse unha revolta tan rápido, con tanto talento, con tanta creatividade, con tanto empuxe. Pero sobre todo, con tanta alegría. Esa será sen dúbida unha das chaves desta batalla desigual, árida, por veces desagradable. David contra Goliat. Hai un potencial nas mulleres extraordinario, nestas tamén. Cando se despregue en todos os frentes nada volverá ser igual. É unha honra para a CUT facer a revolución con elas.