Solucións na consolidación das mestras de orientación de primaria

191

Na mañá deste luns a CUT Ensino reuniuse con mestras da listaxe de Orientación de Primaria para analizar a súa anómala situación en canto ao recoñecemento do seu desempeño no inminente proceso de consolidación no sector público e outros detraimentos de dereitos que leva aparellados a súa situación alegal no marco estatal.

Esta situación débese á que Orientación Primaria non se recoñece como especialidade no catálogo do Ministerio de Educación e FP, sendo unha lista “pantasma” na Galiza que existe dende os anos 90 de forma alegal pero da que fai gala como vangarda a Consellería de Educación. Noutras comunidades non existe esta figura xa que a lei estatal non a contempla, pero as nosas compañeiras levan exercendo como tal dende hai máis de 15 anos. Son tituladas en Maxisterio que alén da súa diplomatura/grao de mestras posúen unha titulación superior específica e exixida pola Consellería para o seu labor de orientación, propia do grupo A1 mentres desempeñan labores no grupo A2, coa consecuente perda salarial.

Por todo isto, a Consellería de Educación ten que aclarar de que maneira as compañeiras afectadas van consolidar o seu posto de traballo como orientadoras, tras ter cumprido con todas as esixencias de formación requeridas para o posto. É por iso que dada a excepcionalidade da súa situación reclamamos unha solución clara nas negociacións co Ministerio e na aplicación dos procesos nesta especialidade creada en Galicia.

A CUT trasladará a particularidade da súa situación ao Ministerio de Educación e FP e a necesidade da creación desta especialidade a nivel estatal en Educación Infantil e Primaria. Tamén solicitaremos tanto a Función Pública como á Consellería de Educación unha urxente xuntanza para analizar as medidas para a consolidación deste colectivo continuando coas labores de Orientación que viñan desempeñando pero encadradas no grupo laboral e salarial que lle corresponde: A1.