Desde a Central Unitaria de Traballadoras (C.U.T.) de Galiza queremos trasladar o noso apoio e solidariedade á folga xeral convocada para o 25 de novembro pola USB. Desde aquí facemos nosas todas e cada unha das reivindicacións que levaron ao voso sindicato á convocatoria de folga.
Como temos manifestado noutras ocasións, as elites capitalistas, co pretexto da pandemia da Covid19, están aproveitando para levar adiante os seus plans deseñados á medida dos intereses oligárquicos. Así, os recortes laborais e o desemprego son o factor dominante no tecido laboral, tamén no noso país, Galiza.
Desde a nosa posición sindical nacional e de clase consideramos que só a loita da clase traballadora pode frear os obxectivos fixados polos distintos gobernos europeos ao ditado dos centros capitalistas. Da Unión Europea non esperamos nada máis que políticas de axustes laborais e sociais.
A tarefa sindical é colosal, por iso o sindicalismo de clase ten que tecer unha rede de entendemento e de acción sindical combativa común, que faga posible unha panca sindical capaz de facerlle fronte ao inimigo.
Solidariedade coa USB. Solidariedade da CUT coa folga xeral en Italia no 25 de novembro.
Galiza, 23 de novembro de 2020.
Manuel Camaño Fandiño
Secretario de RR. Internacionais da CUT