Solidariedade da CUT co pobo palestino

168

Hoxe temos que reiterar a nosa solidariedade co pobo palestino. Unha vez máis, e cóntanse por centos nos últimos setenta anos, o exército asasino sionista está a executar o seu plan de exterminio contra os habitantes de Palestina. A resposta á Marcha do Retorno en Gaza leva producido, até o momento e desde o venres pasado, 58 asasinados e máis de 2400 feridos. Entre as vítimas, como soe ocorrer hai mulleres, vellos e meniños.

As forzas progresistas e obreiras no Mundo non podemos permanecer impasibles nesta nova escalada de terrorismo de estado practicado polo Estado Sionista. Nin tampouco permanecer na ambigüidade como si non fora con nós. A nosa posición e o noso berro ten que chegar ben alto ó corazón das palestinas e palestinos que sofren a barbarie, e chegar tamén ás orellas daqueles que son suxeitos activos e soporte do estado-asasino sionista.

As mobilizacións palestinas estanse a dar no contexto da apertura da Embaixada de EEUU en Xerusalén, previa declaración de dita cidade como capital do estado sionista fai agora un ano. Todo un aldraxe planificado que non sería posible sen o apoio cómplice do imperialismo americano e a “democrática” Unión Europea. O cinismo dos gobernos europeos é descarado, mentres engordan as políticas expansionistas e de apartheid de Israel denuncian a “desproporcionada intervención do exército sionista”, é dicir, segundo os mandatarios europeos chegaría con mudar as balas explosivas por balas de goma.

Ademais do crime colectivo que se está a producir contra Palestina, é evidente que esta aldraxe forma parte dun novo capítulo e tamén dun novo movemento no taboleiro de xadrez dos obxectivos imperialistas. É certo que o capitalismo ten reforzado de maneira colosal o seu dominio no Mundo, e nomeadamente nesta rexión (Iraq, Siria, Iemen,..), pero non é menos certo que o odio ó capitalismo acumulado nos pobos agredidos multiplicouse.

Desde a CUT manifestamos a nosa total solidariedade co pobo palestino. Denunciamos a política criminal do estado sionista e os seus cómplices occidentais comezando polo Goberno do PP, e os partidos do Réxime do 78, que aínda sen ter responsabilidades de goberno (PSOE, Ciudadanos,…), a súa política segue guiada polo lobby sionista.