Solidariedade da Coordinadora dos Pobos da FSM co pobo saharauí

149

No dia de hoxe, en horas da madrugada, o exército marroquí atacou un campamento de cidadáns civís saharauís na poboación de Guerguerat, ao sur do Sáhara Occidental, na zona denominada de exclusión militar polos Acordos de Alto ao Fogo do ano 1991. O Goberno de Marrocos rompe así ditos acordos e constitúe un gravísimo e flagrante atentado á Paz e ao Dereito Internacional.

Cónstanos que as autoridades saharauís levan alertando desde hai unha semana á opinión pública internacional e a Misións das Nacións Unidas sobre as intencións militares marroquís sen obter resposta. Polo tanto, queda absolutamente claro que a actuación militar saharauí en defensa da poboación civil goza de total lexitimidade.

Hoxe máis que nunca, cando o drama da guerra planea nas terras do Sáhara Occidental, desde a Coordinadora dos Pobos da FSM queremos manifestar a nosa total solidariedade co pobo saharauí e os seus lexítimos representantes da Fronte Polisario e do Goberno da RADS.

Denunciamos a actitude dos organismos internacionais, sobre todo da ONU, que despois de ter abandonado durante trinta anos o proceso de cara ao referendo de autodeterminación pactado no seu día, permite que Marrocos pase da ameaza permanente á actuación militar deliberada.

Denunciamos tamén o cinismo covarde do Goberno español que, lonxe de facerse cargo das súas responsabilidades como potencia colonial durante corenta e cinco anos, hoxe, cando o ruído da guerra se instalou nese país do Sahel, mira para outro lado e cultiva o silencio cómplice como suxeito subalterno do imperialismo francés e ianqui.

Desde a Coordinadora dos Pobos da FSM, desde Euskal Herria, Galiza, Països Catalans e as Illas Canarias, vaia o noso saúdo irmán ao pobo saharauí na súa loita histórica polo dereito inalienable á autodeterminación nacional e á independencia.