Solidariedade coas traballadoras de Bershka Pontevedra en folga

368

As traballadoras de Bershka, unha das marcas clave do imperio Inditex, da provincia de Pontevedra levan en folga dende hai seis días, é a primeira folga no mundo que se dá neste grupo empresarial. Demandan a igualdade de condicións laborais con respecto ás súas compañeiras do resto de Galiza. Dende a secretaría de Mulleres da CUT queremos facer chegar o noso apoio, solidariedade e máis sinceiros parabéns.

Cómpre destacar o exercicio de dignidade e valentía colectiva destas traballadoras que se poñen en pé para loitar polos seus dereitos e dignificar o seu traballo, altamente feminizado.

Entendemos que os traballos nos que a maioría do persoal son mulleres, como pode ser o comercio -e en especial o sector Inditex-, vense a cotío afectados por agresións contra as traballadoras, polo seu dobre carácter de obreiras e mulleres. Temos en conta as vulneracións de dereitos xeralizados como a tendencia a cobrar un menor salario, a converter as traballadoras en obxectos de consumo, a negarse a conciliación ou a existencia do acoso sexual, que en ocasións de forma sutil ataca directamente a nosa autoestima e integridade. De aquí bebe a suma importancia de que estas traballadoras alcen a súa voz xa que non só nos dignifican a todas como traballadoras senón que nos vemos representadas como mulleres loitadoras. Non só é unha loita dunha sección sindical senón que se trata dunha loita en favor de todas nós. Por esta razón, compañeiras, non estades soas. Cada vez que unha de nós avanza, faise camiño para todas. Adiante o sindicalismo de clase e feminista!

PARA TODAS, TODO!
ADIANTE A LOITA DAS COMPAÑEIRAS DO BERSHKA PONTEVEDRA!