Sobre os vaivéns do calendario escolar

503

Dende a CUT Ensino queremos amosar o noso absoluto rexeitamento ao xogo de poder e improvisación do que está a ser vítima a comunidade educativa: anpas, profesorado e alumnado. Presenciamos cambios de continuo na organización do curso cando xa estamos a piques de entrar no descanso do Nadal.

A falta de consideración polo traballo docente non ten límites tanto para a administración estatal do Ministerio de Educación como para a Xunta de Galicia de Feijoo. O Ministerio de Educación sigue a marcar os ritmos dende Madrid nunha materia con aparentes competencias transferidas a Galiza nun engano máis dos moitos aos que o goberno nos acostumou na “modélica” Transición española. A inexistencia dun Marco Galego de Servizos Públicos e a transferencia absoluta das competencias, perpetúan unha realidade allea á problemática da educación na Galiza, cun modelo moi afastado doutras realidades poboacionais do estado.

Para máis, aínda sabendo que o goberno central non tiña pechado o modelo de avaliación e promoción, o goberno de Feijoo sorprendeunos a principio de curso innovando non que non debe: un calendario escolar que restaba 3 semanas de aulas ordinarias para axeitarse ás probas extraordinarias a finais do mes de xuño, sen ningún tipo de plan ou previsión sobre a organización e contidos docentes para o alumnado aprobado ou mesmo de recuperación. No fabuloso plan de Feijoo escolas e institutos convertíanse en centros de coidados do alumnado avaliado, en nome da conciliación familiar, e usando ao profesorado como coidadores ou monitores de tempo libre ante a falta de planificación, ademais de ter que lidiar con grupos mesturados de aprobados e suspensos durante esas 3 semanas.

Por todo isto, dende a CUT Ensino solicitamos a volta ao calendario anterior, posto que nunca estivemos de acordo en finalizar 3 semanas antes sen plan alternativo pactado e deseñado coa comunidade educativa e máxime nestes momentos nos que ese adianto xa perde todo o sentido ao desaparecer as probas extraordinarias.