NOTA INFORMATIVA CUT
Aclaración sobre a posible caída das listaxes de temporais.
A CUT leva 4 anos traballando pola fin da precariedade laboral nas administracións públicas e participando a nivel estatal, tanto na presión e reunións cos grupos parlamentarios do Congreso para a elaboración da Lei 20/2021 de Redución da Temporalidade, como no seguimento diario da reforma do EBEP e as súas consecuencias. O coñecemento das melloras e déficits de ambas normativas e contraste de información e o traballo con organizacións sindicais alternativas estatais forma parte do noso ADN como conflito de cabeceira da CUT na área de Emprego Público.
É por iso que dende este sindicato, como xa se fixo no caso da posible perda de indemnizacións, queremos aclarar, e novamente alertar, o por que as listaxes poden correr perigo tal e como as coñecemos hoxe e por que é vital a loita pola permanencia nos postos do persoal en fraude de lei mediante unha oferta ampliada de estabilización (aínda posible).
A Lei 20/21 NON é a causante da posible modificación das listas, máis ben ao contrario: esta lei de estabilización establece que unha vez finalizados os procesos coas prazas que cada administración determine (no noso caso a Consellería e sindicatos da Mesa CIG, ANPE, CCOO e UGT), poderanse elaborar bolsas de contratación para as persoas temporais en fraude que non aproben. (Dese xeito preténdese xerar unha continuidade que evite as indemnizacións por despido previstas na mesma). Establécese na lei que as administracións PODERÁN establecer incluso unha nota mínima para formar parte desas bolsas.
Agora ben, dita Lei e forma de proceder cos 2 procesos de estabilización (concurso de méritos e transitoria) nada ten que ver coa forma de xestión de ditas listas, só coa elaboración inicial das mesmas.
A xestión e continuidade ou non nas listaxes derivadas da Lei 20/21, vén marcada pola reforma do EBEP (30 outubro de 2021). O Estatuto Básico do Empregado Público modificou o artigo 10 onde se fala do persoal temporal, a súa permanencia e límites na contratación e dos acordos ao respecto.
O artigo 10 establece que non se poderán contratar temporais por máis de 3 anos continuados, salvo no caso de reserva de praza do titular en contratos pola duración da situación, e tamén que ningún acordo autonómico pode variar este marco temporal (como o é o Acordo de Interinos galego). O espírito da norma busca evitar que unha persoa permaneza no mesmo posto/traballo durante máis de 3 anos e poida denunciar abuso na contratación como temporal.
Todo isto lévanos a que tras os procesos de estabilizacion nas administracións (rematados como moito en 2024) cúmpranse 3 anos dende a entrada en vigor da nova norma EBEP e por tanto o persoal que leve 3 anos como temporal teña que abandonar o posto en base á lei en calquera administración pública xa que debe ser ofertada.
Sabemos que é un horizonte non palpable a 2 anos vista pero novamente omítese ou confúndese ao respecto deste cambio normativo ao que ensino tamén está suxeito. Preténdese aludir a que a contratación ano a ano pode evadir a norma, pero dende a CUT entendemos que sendo o único territorio con listaxes consolidadas en base á antigüidade (xusto a acumulación como temporais é o que penaliza o EBEP), non ten cabida a continuidade das mesmas e se obrigará a cortes temporais de servizo do persoal temporal para non concurrir en fraude. Obviamente non podemos asegurar o futuro, pero si ler o que di a lei e tirar conclusións do que se aveciña.
A fórmula de establecemento das bolsas de temporais tras os procesos da lei 20/21 (para o curso 24-25) aínda está por negociar nos vindeiros anos na Mesa Sectorial conforme á reforma EBEP, pero o que si temos claro dende a CUT é que a falla de información sobre as implicacións e a necesidade dunha loita pola unha total estabilización do persoal temporal en abuso é inaceptable.
A falta de implicación neste conflito non fai máis que manter a paz social coa Consellería a base de pór en risco ás traballadoras temporais.
Dende a CUT seguiremos alertando as veces que sexa necesario e clarificando aquelas cuestións que sexan omitidas ou postergadas que consideremos de interese xeral para o profesorado. Non compartimos a visión da calma social derivada da inacción máis absoluta nun momento tan delicado para os docentes temporais.
Máis información: cutensino@cutgaliza.org