Sobre o borrador do Real Decreto Lei para a reforma do EBEP e a redución da temporalidade nas administracións públicas

600

Cunha primeira ollada deste simple encabezamento podemos sacar as primeiras e máis importantes conclusións deste nefasto documento para as traballadoras afectadas por el.

É un documento que insiste en levar a contraria punto por punto á normativa de maior rango que as afecta, que non é outra que a ditada polo TXUE nos últimos anos, tanto en España coma noutros países da Unión Europea (en Portugal e Grecia moi recentemente), é dicir, unha lei deseñada para incumprir as leis superiores.

Ademais, debería sentar as bases para a redución e estabilización do traballo precario nos diferentes niveis das administración, posicionándose na defensa das traballadoras en fraude e abuso e dotando o sistema daqueles mecanismos correctores necesarios para logralo. Coa súa redacción, non só non logrará reducila, senón que vai suprimir esas prazas xunto cos postos de traballo das vítimas da fraude, sen sanción alguna para os culpables.

Como chegamos ata este punto?

Este problema leva moitos anos enquistándose e medrando ata cifras absolutamente inaceptables por dous motivos moi simples: a non convocatoria en tempo e forma de OPES, recurrindo sistemáticamente ao traballo precario, ou ben convocando unha porcentaxe ridícula de prazas, moi inferior ás necesidades reais.

Como consecuencia, aparecen as bolsas de traballo precario que co tempo van engordando ata chegar á cifra de 800.000 familias. Si, familias, que dependen destes traballos para vivir, mulleres maioritariamente, maiores de 45 anos son un 70% das afectadas, estando homes, fillos e fillas dependendo do traballo precario delas. Podemos pensar pois en cerca de tres millóns de persoas dependendo da decisión do Ministro Iceta.

Actores secundarios na escena pero que parece que van ser decisorias, son as CCAA e os sindicatos maioritarios. Pero acordar solucións reais non está ben visto cando unha defensa forte dos traballadores pode conlevar una merma de ingresos (subvencións a cursos de formación para sumar puntos en concursos, academias “amigas” e demais beneficios que só eles saben, partidas e favores políticos etc). E así se amosa, en resumidas contas o taboleiro dos que nos atacan e os que nos “teñen que defender”, como se dunha partida de xadrez se tratara.

Como estamos agora?

Logo de semanas de supostas negociacións, estamos a poucas horas de que saia este Real Decreto que non é máis que a sentenza de todas e todos os traballadores en fraude de lei. Polas diferentes informacións que se foron filtrando chegouse a falar de:

  • Autonomía das comunidades e concellos de todo o Estado para o deseño de fases de concurso como fórmula de estabilidade, sen pasar novamente pola fase de oposición.
  • Simplificar as fases de oposición: menos memorísticas e mesmo con exames tipo test.
  • Solucións pretendidas nalgúns territorios de estabilidade ou fixeza directa.
  • Modernizar temarios.
  • Cuantiosas indemnizacións.
  • Sancións para as administración incumpridoras dos acordos.

Pois ben, esta montaña rusa de intencións, declaracións, plenos nos parlamentos, cada día que pasa se contradi co día anterior. Temos gobernantes de moi pouco peso que parecen preocupados unicamente pola poltrona, polos seus intereses electoralistas e económicos ou polas súas pensións vitalicias, pero non están nin se lles espera para defender aos traballadores precarios en fraude de lei.

Que solución atoparon?

Basicamente ningunha. Perpetuar as opes ilegais non válidas (TXUE) para solucionar o problema da temporalidade cun 40% de concurso e un 60% de oposición (exactamente como xa está).

Atoparon a forma de facer culpables ás vítimas, ás traballadoras, por non aprobar as opes 356 veces, con fillos, cargas familiares, capacidades xa mermadas pola idade… E tamén atoparon a forma de non sancionarse a si mesmos como culpables desde sistema viciado. Tal vez nos concedan unha indemnización de 20 días por ano cun máximo de 12 mensualidades, sempre e cando non busquen un filtro no que moi poucos ou ninguén poidan cobrala.

Que nos queda neste escenario?

Non son moitas as balas que nos quedan. Xogaron desde o principio cunha vantaxe moi importante que foi a nosa propia fragmentación. Empezamos moi febles a loita e seguimos moi febles e desgastados, tanto física como emocionalmente.

En ningún momento se puxeron facilidades para dialogar, para sentarse a achegar solucións, para recibirnos nos despachos, fomos sempre invisibles para “eses de corbata”.

Temos unha oportunidade coa ILP, temos que levala ao Parlamento e defendela mentras sexa posible o seu debate e a súa xusta e legal posta en práctica na defensa dos traballadores precarios.

Temos que estar atentos ás iniciativas sindicais das afectadas e sumarnos todos e difundir a problemática. Aínda hoxe hai compañeiros que descoñecen que se van para casa cunha man diante e outra detrás logo de décadas de servizo público.

Por todo o exposto pedimos a unión ás accións que se formulen dende espazos combativos e participar XA. A presión popular é a única fortaleza que poderíamos ter, máis tamén é a nosa maior debilidade nestes tempos e podemos revertilo.

De nós depende, de ti depende.