Achégase a negociación do Convenio do Metal da provincia de Pontevedra. A comezos de xaneiro os sindicatos CIG, CCOO e UGT constituíron a mesa de negociación con ASIME. Cómpre, por tanto, facer unha revisión dos distintos elementos que van incidir nesa negociación e, en consecuencia, no seu resultado, que para ben e para mal responderá a unha correlación de forzas que vai máis alá da representatividade sindical formal e da vocación real das maiorías sindicais.
Para comprender o que se lle vén enriba ás persoas traballadoras do sector metalúrxico de Pontevedra, sería desexable contextualizar a previsible negociación máis alá do feito puntual, máis alá do inmediato e máis alá do formal; é dicir, máis alá da plataforma que os sindicatos presenten á patronal.
O significado do metal en Pontevedra
O sector metalúrxico desta provincia foi historicamente o motor sindical que dinamizou o conxunto da clase traballadora dos distintos sectores. Dende os anos setenta do século pasado, este colectivo xogou un papel determinante, tamén no plano simbólico e cualitativo, á hora de xerar dinámicas de organización e de mobilización capaces de converterse nunha tranca fronte ás patronais e de arrincar melloras que logo se plasmaron nos distintos convenios colectivos.
Afirmamos hai un intre que os antecedentes da dinámica da negociación colectiva se atopan na capacidade desenvolvida polo metal; mais, sendo máis obxectivos, habería que localizar esa capacidade e esa disposición á combatividade obreira, de maneira destacada, no sector naval.
Evidentemente, a realidade actual pouco ten que ver coa vivida hai trinta ou mesmo vinte anos. Tres factores foron determinantes neste cambio: en primeiro lugar, a profunda transformación do mapa sectorial; en segundo lugar, o fraccionamento do sector a través dos convenios de empresa; e, en terceiro lugar —e este é o máis relevante—, a traizón sindical, que foi unha constante nos últimos trinta anos.
O contexto e os seus antecedentes
Pódese afirmar, sen caer nun pesimismo entreguista, que desde a Folga do Metal do ano 2007 a capacidade de loita do sector foi esmorecendo. É certo que o mapa empresarial evolucionou —hoxe, na provincia, o número de traballadores e traballadoras do sector naval non chega ao 30 % do total do sector—, mais tamén é certo que a xestión daquela folga foi un auténtico desastre sindical, por moito que os seus responsables intenten disimulalo.
A inexistencia dun Convenio Nacional Galego do Metal e a falta de vontade real da CIG, CCOO e UGT para traballar nesa dirección convertéronse nunha lousa para o avance sindical e para a negociación colectiva. Por se isto non fose suficiente, os sindicatos estatais asinaron o Convenio Estatal, comprometendo non só o obxectivo do Convenio Galego, senón tamén a actual dinámica negociadora provincial da Coruña, Ourense e Pontevedra.
A diagnose do sector
A acción sindical combativa e de clase debe ter en conta as distintas variables que configuran e determinan a radiografía do sector no que se pretende aplicar ou propoñer unha alternativa sindical, nomeadamente no eido da negociación colectiva. Neste sentido, cómpre identificar con claridade o mapa sectorial, a correlación sindical, a posición patronal, o contexto económico do sector e mesmo o contexto socio-político.
A construción de calquera alternativa seria á negociación colectiva debe pasar necesariamente pola identificación previa de todos estes vectores. A partir de aí, cómpre iniciar unha dinámica asemblearia que integre na loita reivindicativa os subsectores da electromecánica, da carpintería metálica e da automoción, así como, desde o punto de vista territorial, as comarcas de Pontevedra, Arousa e O Deza.
A correlación de forzas e a inacción sindical
Con rotundidade, pódese afirmar que non existe posibilidade algunha de construír unha dinámica reivindicativa apoiada pola maioría das persoas afectadas se non é a través dunha práctica asemblearia que vaia máis alá do sector naval e máis alá do sectarismo e da política presentista dos distintos chiringuitos das maiorías sindicais.
Só a articulación asemblearia e supra-sindical será quen de poñer freo ás actitudes interesadas de cada un dos sindicatos. Só o mandato asembleario poderá identificar e neutralizar os atrancos orientados á traizón sindical. A historia dos últimos convenios é abondosa en manobras de todo tipo, tanto por parte da patronal como de cada unha das organizacións sindicais.
Aqueles que levan lustros afirmando que representan ás persoas traballadoras sen que isto sexa certo teñen dúas maneiras de traizoar os seus intereses: ben mediante a rendición explícita no inicio ou no remate da negociación, ben a través da inacción. Só a asemblea pode poñer no seu sitio a quen practica este tipo de comportamentos abertamente antisindicais.
Unha alternativa sindical honesta para a negociación do Convenio do Metal deberá, antes mesmo de falar de incrementos salariais, vixencia do convenio ou xornada laboral, analizar como construír e articular un verdadeiro movemento asembleario sustentado en catro piares territoriais: Vigo, Pontevedra, O Salnés e Lalín. Un movemento asembleario cunha columna vertebral proxectada desde o sector naval de Vigo.












