A pasada semana algúns sectores tiveron celebracións da vitoria fronte ao proxecto monstroso de Altri. Con bo criterio, a veciñanza dos pobos afectados da Ulloa amosou a súa cautela, fronte ao que en aparencia é o final do macroproxecto pero que na realidade é un “por agora”.
O certo é que, aparcando as manifestacións ambiguas feitas por distintos persoeiros da Xunta e da propia empresa Greenfiber, a razón única da paralización (non definitiva) da instalación deste proxecto en Palas de Rei é a exclusión deste da rede de transporte eléctrico por parte do Goberno Central, imprescindible para o funcionamento da planta proxectada.
Evidentemente, esta razón administrativa de marcado carácter político non ten nada que ver coas verdadeiras razóns legais que si deberan fundamentar unha paralización definitiva; dígase o desastre ambiental que se produciría de levarse a cabo a instalación da celulosa en Palas de Rei ou o impacto social, económico e patrimonial de toda a comarca da Ulla e da Ría de Arousa.
Non hai que ser unha persoa moi lista para deducir o xogo politiqueiro que agocha a decisión do Goberno Central do PSOE e lugartenentes, xogando a baza electoral diante da masa de esquerda sociolóxica galega que rechaza Altri.
Pero o certo é que, sendo a competencia de Madrid a decisión de incluír ou non o proxecto da celulosa na rede de transporte eléctrico, máis cedo que tarde o máis que previsible Goberno do PP e VOX pode incluír a ALTRI en dita rede, revogando así o acordado polo goberno actual.
A fase inicial da loita obreira e popular.
Ninguén pode dubidar do logro colosal que supuxo poñer a toda unha bisbarra rural galega como a Ulloa en pé de guerra fronte á ameaza de Altri. Ninguén pode poñer en cuestión o traballo titánico das veciñas e veciños organizados en “Ulloa Viva” que lograron atraer e incorporar á loita a importantísimos sectores populares mais alá da bisbarra afectada, convertendo esta batalla en toda unha loita nacional.
Sen este traballo comprometido e militante da veciñanza, sería imposible xa non botar abaixo o proxecto senón o simple cuestionamento do mesmo ao contar este no seu día coa bendición de todo arco político parlamentario galego. Efectivamente o 15 de febreiro de 2022 -aínda que pareza incrible- o Parlamento Galego por unanimidade aprobou o apoio ó macroproxecto da celulosa de A Vacariza. Isto é cos votos do PP, do BNG e do PSOE.
E evidente que o cambio de posición do BNG e do PSOE ao respecto do proxecto non sería posible sen o traballo das veciñas e veciños afectados. Primeiro foi o BNG quen sen ruborizarse manifesta que foron enganados, que o proxecto levado ao Parlamento non era o mesmo que un suposto proxecto posterior. Ninguén dimitiu.
Máis tarde, e con máis esforzo, foi o PSOE quen tivo que cambiar a súa posición inicial tendo que explicarllo a Pepiño Blanco –muxidor do proxecto- a necesidade do cambio táctico do partido por razóns claramente electorais. O cambio non quedou aí e chegaron finalmente a impedir a inclusión na rede de transporte eléctrico, despois de bloquear o acceso aos fondos europeos de nova xeración NEXT.
A segunda fase.
Cando a loita anti-Altri está consolidada e forma parte xa do imaxinario de gran parte do País, prodúcese un desembarco planificado para converter esta loita da Galicia rebelde, coas veciñas e veciños da Ulloa á fronte, en simple mercadoría electoral.
Este mediocre e cego desembarco por parte das estruturas de dirección do Bloque chegou á planificación extrema para garantir o control mecánico e mesiánico chegando a extremos grotescos como o da utilización palurda da cordela da vaca nas manifestacións ou a utilización dun servizo de orde alleo á veciñanza da Ulloa, todo para impedir que o pobo normal ousara custionar o liderádego de quen dous anos antes aplaudió coas orellas o proxecto de Greenalia.
Evidentemente nin faría falta aclarar que as actuacións sinaladas sen circunscriben ás cabeciñas quentes da dirección do Bloque e do seu cincho organizativo instrumental, é dicir, os mesmos pero con vestimentas de supostas organizacións sectoriais. Á base militante e votante desta organización nada lle podemos achacar. O dito, o máis importante para o sectarismo dos encargados do Santo Grial é o control mecánico da movida e o de menos é se Altri vai ou non vai adiante. Todo se resume nunha corda para amarrar a xente libre e protexer aos donos –así o cren- da movida. Que pena!
O transfundo do proxecto.
Temos apuntado desde este mesmo portal que sería un erro monumental non atinar na análise do fenómeno perverso que supón que o Grupo Greenfiber pretende instalar en Palas de Rei. Sería un erro achacar dita perversidade á nacionalidade portuguesa de Altri (socio maioritario da primeira), porque o cerne da ecuación non está aí.
O proxecto da pasteira de Grennfiber hai que enmarcalo nunha operación tipicamente capitalista. Na instalación dunha industria de enclave depredadora de materia prima, nun espazo territorial como Galicia onde os monocultivos de eucalipto é a constante da política forestal española no noso País desde fai setenta anos. Non hai espazo forestal en Europa tan rendible para a produción de pasta de papel aínda que se vista de fibra téxtil para engaiolar as imbéciles.
Polo tanto este proxecto -aparcado polo momento- é consustancial ao modelo capitalista depredador. Aquí non hai nada casual, o capitalismo planifica e programa a longo prazo. Coa desinformación e a propaganda masiva enganan e manipulan á opinión pública. Igual crean necesidades artificiais como se aproveitam das necesidades reais –postos de traballo- para facer colar proxectos inaceptables desde o punto de vista dos intereses populares.
O actual modelo agrario e forestal ven de longa data, ao igual que a súa derivación do proxecto agro-forestal industrial. Debemos de desenguedellar o bucle intencionado instalado polos grandes grupos, pois nos impide pensar e analizar. Primeiro expulsaron ás poboacións do rural, paralelamente inzaron o País de eucaliptos e finalmente nos venderon unha ficción para lexitimar procesos coma os de Altri e anteriormente o de ENCE en Lourizán.
“Só podemos dicir que a guerra está gañada fronte ao proxecto capitalista cando a batalla é real e sostida no tempo, antes, durante e despois. Mentres o monocultivo eucaliptal sexa unha realidade dominante e crecente no monte galego, a ameaza estará presente.”
Os pobos como suxeito colectivo e aquelas persoas que temos intereses obxectivamente populares só podemos dicir que a guerra está gañada fronte ao proxecto capitalista cando a batalla é real e sostida no tempo, antes, durante e despois. Mentres o monocultivo eucaliptal sexa unha realidade dominante e crecente no monte galego, a ameaza estará presente.
O de menos será se o proxecto é de Greenfiber ou é patrocinado desde Ence, se a instalación é nas Pontes de García Rodríguez ou é en Padrón. Non hai máis que repasar a historia dos últimos corenta anos do século pasado. Sarria, Ponteceso, Arcade… son exemplos como obxectivos no seu día da rapina das empresas da celulosa.
Cumpría non esquecerse á hora da reflexión, de cales son as prioridades do capitalismo hoxe. Prioridades que teñen un paraugas lexislativo e financeiro a través dos fondos europeos de nova xeración. Todo está interrelacionado ainda que semelle o contrario. O capital sabe cando ten que dosificar e graduar os obxectivos en evitación do conflito social. A día de hoxe, para o Capital, que é prioritario, as minas de Touro e de Doade ou a celulosa de Palas de Rei?
E se falamos das expresións políticas sistémicas, é como para fiarnos delas. Nunca coma hoxe a eficacia dos lobbys que representan os intereses da oligarquía estivo máis presente. A actividade lobbysta chega a todos os ámbitos da política: institucións, partidos, sindicatos, xudicatura, prensa… O papel desempeñado pola RTVG e por La Voz de Galicia é paradigmático.
Aprender da experiencia para enfrontar o futuro.
Queda absolutamente claro que o obxectivo Altri non está finiquitado. Pasarán os meses ou os anos e a ameaza volverá a enriba da mesa. Probablemente reformarán o proxecto, pintarán de verde unha nova iniciativa. Seguramente serán outras marcas quen patrocinen o proxecto, pero é claro que o capitalismo non vai renunciar ao nicho fantástico do eucaliptal galego.
“As forzas obreiras e populares do País debemos sacar conclusións do camiño andado. Temos que deprender do ben e do mal feito para non repetir erros. Temos por diante un traballo de culturización ou de batallar ideas fronte á enxurrada do inimigo.”
As forzas obreiras e populares do País debemos sacar conclusións do camiño andado. Temos que deprender do ben e do mal feito para non repetir erros. Temos por diante un traballo de culturización ou de batallar ideas fronte á enxurrada do inimigo. Deberemos estar preparados para o que veña. Temos que retomar o traballo asembleario de cara a acumulación de forzas.
As forzas populares e a militancia da esquerda política, sindical ou social non debemos de caer na lóxica do inimigo de fraccionar as loitas e as frontes. A embestida capitalista para desfacer aínda mais este País trata de fraccionar o que tería que ser unha emenda á totalidade. Altri, Ence, os parques eólicos, as minas de Touro ou Doade son actuacións que responden aos mesmos intereses oligárquicos, polo tanto é a mesma loita.
Secretariado Político da CUT












