As mulleres da CUT rexeitamos frontalmente a modificación da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e as limitacións á interrupción do embarazo anunciadas en Madrid polo representante da ala máis integrista do Partido Popular e ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón.Manifestamos a nosa insubmisión a calquera tentativa de arrebatarnos o poder de decisión sobre aquilo que só a nós pertence, o noso corpo, e estaremos atentas ás convocatorias que desde os colectivos feministas do país se lancen para respostar nas rúas esta agresión patriarcal máis.Noutros comunicados e análises, a Secretaría das Mulleres da CUT vén apuntando que a actual crise sistémica non supón apenas un proceso de reestructuración económico-produtiva para garantir a acumulación capitalista a costa da mingua de dereitos sociais e laborais, dun deterioro das condicións de vida e aniquilación do medio ambiente.Sen restar gravidade ao anterior, consideramos que estamos a vivir un momento no que os reaxustes ideados polo gran capital apoianse nunha ofensiva ideolóxica de envergadura, que pretende ampliar aínda máis a fronteira de dominación, a instauración do pensamento único e de toda sorte de mecanismos de control sobre a poboación.Non só se trata da simbiose entre estados e capital que se está establecendo coa conseguinte perda da soberanía ante os mandatos das Institucións Financeiras Internacionais e a implementación de políticas antisociais dirixidas a satisfacer os seus intereses e manter os privilexios das elites económicas, senón que estamos a ver como os sectores ultraconservadores tratan de impoñer vía decreto o seu poder sobre todo tipo de asuntos. Vimos de coñecer como o goberno español decide modificar o currículo educativo e suprimir a asignatura de Educación para a Cidadanía por considerala “doutrinaria”, cando sabemos todas e todos o tipo de educación “libre” que se imparte nos centros dos seus amigos do Opus e demais sectas ultracatólicas nas que se segue separando o alumnando por sexo. Antes fomos testemuñas da indignante declaración da ministra Ana Mato, calificando a violencia machista como “violencia no entorno familiar”, e o ano pasado se aprobou na sucursal gobernamental galega a reaccionaria Lei da Familia e da Convivencia.O corpo das mulleres, a trincheira onde trabamos batallas cotiás contra a violencia patriarcal, non ía ficar fóra dese afán de control. Historicamente o patriarcado tratou de domalo, reprimilo e intervir sobre él xa fose mediante a moral católica, o disciplinamento social, a medicalización ou a dictadura de patróns estéticos, cando non apropiándose e dispoñendo del directamente como unha posesión máis.Temos que ser conscientes que a ideoloxía que se permite lexislar sobre o noso corpo, cerceando o noso dereito a decidir sobre un embarazo, é a mesma que subxace ás restriccións no acceso a métodos contraceptivos e ás esterilizacións masivas noutras partes do mundo. Ou que a día de hoxe as mulleres sigan sendo un botín de guerra por conquistar, cando non o castigo ou humillación a infrinxir ao bando vencido.Mais a violencia non anda por lonxanas terras senón que se atopa aquí mesmo, en cada batalla diaria contra as diferentes, e a miúdo sutís, formas de someternos aos designios do patriarcado e o seu xemelgo, o capitalismo. A interrupción do embarazo é un dereito fundamental das mulleres, e a capacidade adquisitiva non pode ser un escollo á hora de exercelo.Aborto libre, gratuíto e cuberto polo sistema público de saúde.Porque o noso corpo non pode ser un negocio para as clínicas privadas!