SINDICATO AMARELO. SINDICATO VERTICAL. CONCENTRACIÓN EN LUGO.

479

Que é un sindicato amarelo? É unha organización con apariencia sindical ao servizo dos intereses da empresa e encargado de frear a acción dos sindicatos obreiros. 

Son os herdeiros dos sindicatos verticais franquistas mantendo a forma e estrutura dun sindicato obreiro (o xefe non está dentro formalmente, pero o apoio é mutuo). 

Que é un sindicato vertical? Foi unha organización profesional que incluía na súa actividade sindical ao empresario/xefe como parte do mesmo de maneira orgánica. Forma de asociación franquista no eido laboral. 

Son sindicatos de clase? Non o son e como sindicatos sectoriais pechados así o manifestan, denominándose a si mesmos asociacións profesionais (CSIF), “comprometido exclusivamente cos intereses deste colectivo e coa mellora da educación” (ANPE). 

Por que manteñen unha ampla masa social? No caso do ensino, como servizo público, as subvencións son a base do seu funcionamento propagandístico e tamén a súa oferta de servizos alleos á actividade sindical: viaxes, convenios con academias, descontos en cursos, descontos en Booking, Burger King, injertos de cabelo, dentistas, etc. 

Na realidade hoxe son asesorías con descontos que solucionan trámites diarios, afastan ao traballador do conflito e atráenos ao seu ámbito con agasallos e facilidades. Esta actividade nada ten que ver co traballo sindical das organizacións obreiras senón que manteñen esquemas anteriores ao sistema do réxime do 78.  

Que peso ten o sindicalismo amarelo no ensino? o sindicalismo amarelo tivo un peso do 18% nas elecciones de 2018, formando parte da mesa sectorial de ensino como terceira forza.

Este sábado 22 de outubro o sindicato amarelo ANPE organiza  un encontro institucional e propagandístico no que ademais dun elenco de personaxes que merecería unha análise separada do que se considera formación do profesorado (un xuíz antidroga, o director estatal da organización, o presentador de Hermano Mayor e o seu compañeiro de andanzas, etc. ), participan como poñentes José Luis Canosa e Mónica García, Subdirector de Recursos Humanos e Xefa de Infatil e Primaria, responsables da planificación dos recortes no ensino.

Ademais resérvase o peche das xornadas a Álvarez Bértolo, Director Xeral de Recursos Humanos, home de palla de Rueda. 

Xa é costume do sindicato amarelo convidar aos responsables de ensino ás súas xornadas, pero este ano imos estar nós tamén na porta agardando por eles. 

           

Imaxe 1: La Voz de Galicia 28 Maio 2010Cese do Secretario Xeral de Educación (aupado e apoiado polo sindicalismo amarelo no seu nomeamento) 

               

 

 

 

 

 

Imaxe 2: curso de formación de ANPE o próximo 22 de outubro en Lugo

 

 

 

 

Imaxe 3: Xornadas sobre a LOMCE de ANPE coa presenza do Conselleiro Jesús Vázquez

 

 

O traballo do sindicalismo amarelo é imprescindible para a Xunta de Galicia que leva canto menos unha década desfrutando dunha paz social no ámbito do ensino que a todas luces non é acorde ao retroceso en dereitos e en calidade do mesmo. Porén, os responsables da destrución de case un milleiro de postos de traballo no inicio de curso, dos recortes orzamentarios en materia educativa e persoal e da elusión da estabilización marcada pola Lei 20/21, estarán dando leccións ao profesorado que acuda a este foro, un curso homologado pola Consellería de Educación, como non.    

Dende a CUT cremos que vai sendo hora de arrincar ao sindicalismo amarelo o seu papel, denunciando cada acto antisindical que sexa realizado no que destrúen a loita e traballo das organizacións obreiras. Estas organizacións funcionan con cartos públicos e durmen tranquilos aloumiñados polo patrón nun beneficio mutuo. 

 Tan só podemos agradecerlles que nos dean a ocasión de concentrarnos ante tal acto de pleitesía no que aproveitaremos para berrar unha vez máis que non pararemos ata dignificar os servizos públicos. 

Con tal motivo, unha vez máis convocamos ao profesorado para protestar contra o maltrato do ensino público e o seu persoal tanto por parte dos xestores da Consellería como de aqueles que os amparan baixo o nome de sindicatos. 

A falta de persoal e de medios asfixia o ensino público galego. Mentres, o conselleiro esconde unha realidade incómoda nos publireportaxes da prensa do “réxime”, eses medios que  regan con millóns de euros a cambio de seren os seus fieis servos. É vergoñento que intenten negar sistematicamente os recortes cando nunca tan mal estivo o ensino público galego. A situación é intolerable, temos que rebentar esta situación dunha vez para acabar coa mafia privatizadora da Xunta e os seus secuaces amarelos. 

A CUT estará o vindeiro sábado 22 de setembro dende as 10.30 concentrado ante o Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo para rexeitar frontalmente a burla aos docentes e á toda a comunidade educativa nestas xornadas. 

Seguimos en pé! A loita do profesorado é a loita de todas!

 LEMBRA SÁBADO 22 ESTAREMOS DE NOVO NA RÚA EN LUGO

SE NOS NOS DURMIMOS AO BORDE DO ABISMO, ELES TAMPOUCO O FARÁN