SINDICALISMO NECESARIO

    Xuntanza coa Inspección de Traballo

 En Vigo, a 13 de Xullo do 2022

Como sabedes, o luns o comité por maioría decidiu convocar as eleccións para o 10 e o 11 de outubro. Dándose así o pistoletazo de saída para a campaña de descrédito contra o inimigo incómodo, contra a CUT.

Mentres algúns só pensan nese proceso e parece que é agora cando comezan a traballar, dende a CUT seguimos a loitar na defensa da clase traballadora deste centro, como fixemos durante estes catro anos.

No día de onte, trala concentración realizada a semana pasada na porta da Inspección de Traballo (esa mesma concentración que foi obxecto de mofa por parte dalgunha organización) e trala petición realizada, a CUT fomos convocadas a unha xuntanza co Xefe da Inspección de Pontevedra. Na mesma falouse da necesidade que temos de que inspección de traballo faga a súa función e visite o noso centro de traballo.

Ademais acordouse manter unha nova xuntanza para a vindeira semana, en aras de axilizar os procedementos e resolucións sobre denuncias presentadas polo sindicato. Aproveitouse tamén a ocasión, para denunciar unha vez máis o protocolo de calor do noso centro de traballo, que é a todas luces insuficiente.

 

Non é casualidade que xusto o día que nos recibe inspección, a empresa decide aumentar as paradas, un parche insuficiente a un protocolo que consideramos non cumpre coa lexislación e así tamén llo fixemos saber a Inspección.

Pero que é o que fai moverse a inspección de traballo?. Que é o que os obriga a saír do seu inmobilismo?. Nós o temos claro, a mobilización na súa porta, a xente preguntando pola rúa porque estamos alí. As novas na prensa dicindo que a CUT se mobiliza ante inspección, a visibilidade dos problemas internos nas redes sociais. En definitiva, a externalización dos conflitos na Citroen, crea un debate na sociedade e como consecuencia a presión obriga, neste caso a inspección, a facernos caso. O feito de romper as cadeas, de romper os vetos que a empresa crea, ten mais repercusión que calquera escrito, nota ou asemblea no interior. Quitarlle a careta a Citroen ante a sociedade da resultados.

Por iso mesmo nós estivemos, estamos i estaremos sempre nas rúas reclamando os dereitos da clase obreira, e apoiando as mobilizacións ou iniciativas de calquera organización sempre que o obxectivo sexa o beneficio do común.

 

CUT SINDICALISMO NECESARIO