Sindicalismo de clase e poscoronavirus

533

Afortunadamente a nosa central sindical foi quen de ver a verdadeira dimensión da actual crise da COVID-19 desde o mesmo inicio e na súa totalidade. Non só na vertente sanitaria, senón en todos aqueles factores políticos e económicos intrínsecos ao contexto, así como —e sobre todo— da xestión capitalista e gobernamental da crise.

Como xa se ten manifestado reiteradamente desde a CUT, as dúas ferramentas fundamentais utilizadas para afrontar e xestionar a crise polo goberno do PSOE-Podemos foron e seguen sendo a represión e a propaganda. Tal visión, moi en liña coa maioría dos gobernos capitalistas, pensamos que os delata. Se efectivamente enfrontamos unha crise de carácter sanitario, como se explica que a represión e a fabricación de matrices de opinión sexan as armas fundamentais utilizadas?

O colosal aparato que xestiona a propaganda disfrazada de información que emana dos centros de decisión das elites, esfórzase día tras día na fabricación dun imaxinario de futuro que falsea a realidade

É nos recunchos da praxe e da narrativa dominante onde queda ao descuberto, para calquera persoa minimamente informada, a súa mentira e mais a súa incapacidade. Pensamos que é unha obriga ineludible para calquera individuo ou organización, xa non da esquerda real, senón simplemente progresista, estar á altura da análise. Non debemos de caer no ditado narcotizado e alienado da posición acrítica xustificada no medo a facerlle o suposto xogo á ultradereita, un mantra absurdo moi estendido.

O gran altofalante que marca as pautas durante esta crise no deseño capitalista, e partindo da palabra de orde tramposa de “xuntos venceremos o coronavirus”, está a resituar cada día todas aquelas ideas forza que ao réxime lle interesa instalar na opinión da xente. E xa van unhas cantas: Plan Marshall, Pactos da Moncloa 2, Pacto de Reconstrución Nacional e outras perlas, na lóxica do que xa chaman o “poscoronavirus”.

O colosal aparato que xestiona a propaganda disfrazada de información que emana dos centros de decisión das elites, esfórzase día tras día na fabricación dun imaxinario de futuro que falsea a realidade, deixando entrever unha volta á “normalidade”. Pero cando falan de normalidade, a que se refiren? Imos propoñer desde esta reflexión unhas cantas preguntas que aclaren e descifren cun mínimo rigor o verdadeiro contido e sentido do relato hexemónico.

O contexto mundial e rexional onde se declara a crise sanitaria

En primeiro lugar hai que deixar claro que a narrativa dominante agacha teimudamente que a declaración da pandemia da COVID-19 se produce nun contexto de evidente recesión do capitalismo. Unha recesión sistémica que foi adiantada e prevista por numerosos estudosos da economía política, iso si,  non pertencentes aos circuítos de analistas das elites.

Paralelamente, o xurdimento da peste (xa moito antes da declaración da crise sanitaria mundial por parte da OMS e logo polos distintos estados) dáse nun escenario económico, financeiro e comercial profundamente marcado pola grave crise da UE, pola contestación ou cuestionamento ao petrodólar como patrón de intercambio vixente e á guerra comercial sen precedentes de EE.UU. contra China.

O baleirado dos Estados evidenciouse en extremos grotescos. Resultado directo desas políticas lideradas polo FMI, Bundesbank, o BCE e o Departamento do Tesouro dos EE.UU., e seguida ao pé da letra pola UE e os Gobernos de turno sen distinción ideolóxica formal.

En segundo lugar, as políticas neoliberais postas en práctica polos distintos gobernos tanto de perfil socialdemócrata como da dereita convencional nos últimos lustros, onde os recortes sociais (entre eles o gasto sanitario) foron o centro de gravidade da súa actuación, tiveron como consecuencia criminal a incapacidade deses mesmos estados para enfrontar unha pandemia que nos primeiros momentos intentaron vendernos como “unha peste chinesa”.

O baleirado dos Estados evidenciouse en extremos grotescos. Resultado directo desas políticas lideradas polo FMI, Bundesbank, o BCE e o Departamento do Tesouro dos EE.UU., e seguida ao pé da letra pola UE e os Gobernos de turno sen distinción ideolóxica formal. Cando a “lei da competencia” converte unha mentira monstruosa como a de “o público produce déficit e o privado eficiencia” nun axioma incontestable, explica ben a incapacidade de adquirir ou fabricar máscaras, para poñer o exemplo máis elemental.

A partir deste feito obxectivo podemos chegar a identificar todas e cada unha das lacras que posibilitaron o espallamento da COVID-19 e os centos de miles de mortos a data de hoxe. Unha política asistencial para os nosos maiores de marcado perfil criminal, baseada nun modelo onde converteron as residencias de anciáns nun rublo de negocio perverso. Que dicir dos recortes en persoal sanitario desde o ámbito primario até os hospitais de referencia, o mesmo que a diminución drástica nas dotacións a todos niveis.

A putrefacta Unión Europea tardou tres semanas en adoptar as primeiras medidas, tan inútiles como tardías fronte á pandemia. Mentres non falaron o FMI e o BCN estivo caladiña, escenificando inútiles xestos institucionais carentes de contido

Para a lóxica capitalista todo é susceptible de se converter en nicho de negocio, tamén os dereitos humanos universais, incluída a vida das persoas. Á par das entidades bancarias rescatadas co diñeiro público, como símbolo da usura e o latrocinio capitalista, o neoliberalismo fixo florecer a extremos de verdadeiro espanto as mutuas, as aseguradoras, os fondos de pensións… Por non falar da industria farmacéutica, elo imprescindible, máis que necesario, na recreación do crime á humanidade.

A putrefacta Unión Europea tardou tres semanas en adoptar as primeiras medidas, tan inútiles como tardías fronte á pandemia. Mentres non falaron o FMI e o BCN estivo caladiña, escenificando inútiles xestos institucionais carentes de contido e de sentido. Con dicir que a hiena do PP González Póns foi o actor principal nesta grotesca comedia, dicimos todo.

As receitas do Goberno español

Desde a CUT dixemos alto e claro cando se declarou o estado de alarma que en realidade se estaba solapando un verdadeiro estado de excepción. O tempo transcorrido confirmounos que non era ningunha esaxeración. Está máis que explicado e argumentado que o réxime, sabedor do que nos vén enriba, prepara a vía represiva para calquera continxencia, ensaiando sen rubor a doutrina do choque.

A presenza nas roldas de prensa da cúpula militar e policial franquista, así como a actuación na rúa, ratifícao. A data de hoxe, o número de expedientes sancionadores instruídos coa Lei Corcuera-Mordaza achéganse ao millón. Expedientes represivos e recadatorios auspiciados por aqueles que ían derrogar a devandita lei.

En coherencia co exposto no parágrafo anterior a respecto das medidas de prevención laboral, ademais de ser un baile de improvisación e incapacidade, a declaración de sectores esenciais contida no Decreto de estado de alarma para nada tivo en conta a seguridade das traballadoras, primando ostensiblemente os intereses empresariais coa coartada da necesidade sanitaria ou alimentaria. O dato arrepiante dos milleiros de contaxios entre persoal sanitario falan por si sos.

As medidas económicas adoptadas polo Goberno español, como non podería ser doutro xeito, consistiron en moito fume a golpe de rolda de prensa, pero no concreto foron todo un sainete para seducir o pobo en estado de choque. Iso si, unha vez máis as medidas económicas con caroza social foron destinadas a salvar a grande empresa transnacional e a banca, por moito que insistan en darlle verniz social ás dotacións orzamentarias previstas.

No seu día, o altofalante do Goberno de PSOE-Podemos vendeunos un investimento de 200.000 millóns de euros, o 16% do PIB, como contribución para afrontar a crise do coronavirus. Por moito que retrinquen a respecto do seu carácter social, a distribución das cifras desménteo. A metade, cen mil millóns de euros, destinaríase a avais á banca; aproximadamente 83.000 millóns serían para acometer aprazamentos de pagos e, finalmente, uns 17.000 millóns de euros terían como destino o reforzo da dotación do SEPE para as distintas prestacións, dado o colosal número de ERE e ERTE solicitados pola patronal.

Sen entrar a valorar con profundidade as outras medidas-adorno por inoperantes (como os microcréditos a pymes e autónomos, moratoria de alugueiros e hipotecas, recibo da auga e electricidade…) o paquete de medidas adoptadas é un auténtico fiasco no político e pro-patronal no sentido económico.

O 1º de maio, a proba do algodón

Se non había probas e feitos suficientes, e nós dicimos irrefutables, sobre a implantación solapada do estado de excepción, a prohibición do 1º de maio corroborou o dito e tamén veu disipar as dúbidas de moitos. Non hai máis que ver os ríos de tinta de opinión e debate que está a suscitar o auto do Tribunal Constitucional ratificando a prohibición da convocatoria da CUT e xerando un precedente. O máximo órgano da xudicatura do Réxime do 78 ensinou a súa verdadeira faciana ao tempo que descubriu outra volta as costuras da monarquía decrépita e corrupta española.

o aquelarre xudicial é unha clara expresión da loita latente na xudicatura española entre aqueles que aínda se valen de ferramentas do Dereito para emitir sentenzas e aqueles outros que sinxelamente se converteron en soldadesca de Grande Marlaska e das necesidades inmediatas do Réxime do 78. Precedentes abominables hai moitos

Auto que contradí de cheo a sentenza do TSX de Aragón da mesma data e que legaliza unha iniciativa de mobilización para o 1º de maio que consistía nunha caravana de coches idéntica á convocada pola CUT en Vigo. É obvio que o aquelarre xudicial é unha clara expresión da loita latente na xudicatura española entre aqueles que aínda se valen de ferramentas do Dereito para emitir sentenzas e aqueles outros que sinxelamente se converteron en soldadesca de Grande Marlaska e das necesidades inmediatas do Réxime do 78. Precedentes abominables hai moitos. Para exemplo, na historia xudicial española citaremos o xuízo do Tribunal Supremo ao Procés, o “todo es ETA” de Baltasar Garzón ou o amparo á tortura do hoxe Ministro do Interior.

O alto tribunal, nun exercicio de trapecio político e funambulismo ideolóxico —que non do exercicio do dereito—, despáchase cun auto de non-admisión do recurso da CUT fronte á sentenza do TSX de Galiza, nun xesto procesal delirante e sen precedentes para axustar o seu veredito ao que manda o Ministerio de Grande Marlaska, persoeiro de ampla traxectoria non precisamente respectuosa cos Dereitos Humanos.

O auto do Tribunal Constitucional, sen disimulo e con vinte e nove páxinas de voltas, vén confirmar que o traballo sen protección fronte á COVID-19 —sexa persoal sanitario, caixeiras de supermercado ou traballadoras das conserveiras— é legal, da mesma maneira que as caravanas diarias coas que Gardia Civil, Policía e Exército enxalzan a unidade de España ou os valores do Movimiento.

Segundo o TC non é legal o dereito a manifestarse, porque tampouco o é o dereito á disidencia, a non ser que esta consista en divertimento inocuo nas redes. Queda claro, pois, como dicía fai uns días Ricardo Castro, que o dereito ao traballo sen protección fronte á COVID-19 é unha obriga, pero o dereito dos traballadores a protexer a súa seguridade e reivindicala na rúa, non.

O poscoronavirus que virá

É evidente que a actual pandemia deixará secuelas na economía, nas relacións sociais, na xeopolítica e en multitude de ámbitos a nivel global, está por ver ata onde. No mundo e nas nosas realidades cambiarán moitas cousas: os costumes, a maneira de relacionarnos, os fluxos de mobilidade humana. Como se ten dito para facer hipóteses ao respecto, haberá que conxugar ineludiblemente o factor sanitario, o económico e o da xestión política. Pero o que é evidente é que entramos nunha nova fase histórica da loita de clases. Haberá cambios no modo de produción e aparecerán fenómenos novos na explotación coa incorporación masiva da robótica e do teletraballo, que serán utilizados como fetiches de seducción, agochando na realidade as novas formas de explotación. O sindicalismo clasista terá que prepararse para este novo reto.

Dicíamos ao comezo desta reflexión que unha das matrices de opinión xerada polos laboratorios de ideas do capital é ao redor dos tempos poscoronavirus. É evidente que algún día, máis cedo que tarde, rematarán as medidas de choque da crise sanitaria, fundamentalmente o confinamento e as limitacións á libre circulación das persoas. Con todo iso, o coñecemento científico acumulado ata o momento aínda non nos permite ver con claridade o proceso sanitario agora enfrontado.

as aparentes ocorrencias sinaladas para o poscoronavirus que emerxen desde as instancias gobernamentais españolas (non distantes ás que se manexan en Europa) teñen a finalidade de fabricar un sentimento colectivo de culpabilidade e corresponsabilidade

Está claro que o final da pandemia non estará circunscrito a un día concreto ou a unha declaración da OMS ou do Goberno de turno. Máis ben todo indica, falando do plano sanitario, que teremos que observar un proceso asimétrico, cos riscos conseguintes de avance e retroceso no desenvolvemento da pandemia, tanto no tempo como nas dinámicas xeográficas.

No ámbito da xestión política e económica, as aparentes ocorrencias sinaladas para o poscoronavirus que emerxen desde as instancias gobernamentais españolas (non distantes ás que se manexan en Europa) teñen a finalidade de fabricar un sentimento colectivo de culpabilidade e corresponsabilidade, cuxo fin último será facer pagar á clase traballadora e aos sectores populares a nova recesión capitalista incrementada coa crise da COVID-19.

As previsións máis optimistas para o ano 2020 na economía española falan dunha contracción do PIB ao redor do 8% e dunha taxa de desemprego que acadaría o 21,5% de media no conxunto do Estado. O desfonde estrutural sen precedentes que se delata pensamos que queda curto por non ter en conta con toda crueza factores como o turismo, cun peso determinante na economía española, nin tampouco como afectará na recuperación o lastre da psicose.

Outro factor negativo ineludible será o actual perfil da estrutura industrial española, configurada nos últimos trinta anos arredor da dependencia e dos límites da UE. Todo isto sen ter en conta un espazo capitalista europeo onde a competencia se vai desenfrear. O chamado sector do ladrillo, despois da brillante política —tanto do PSOE coma do PP— de creación reiterada de burbullas inmobiliarias, coloca a este sector con ridículas posibilidades de reactivación se non é para engordar o capital inmobiliario dos fondos voitres. Finalmente, o sector primario permanecerá axeonllado e cautivo na política de prezos dos grandes intereses dos oligopolios alimentarios.

Doutra banda, habería que resaltar o que na lóxica capitalista española e da UE é inevitable. Os pratos rotos da crise haberá que pagalos. Ata para as persoas máis escépticas a liorta desatada no seo da UE entre os socios do norte —encabezados por Alemaña— fronte aos socios do sur —vagaxos e pedichóns— puxo sobre a mesa o que verdadeiramente é a Unión Europea: un instrumento económico-político-represivo, xestor das elites capitalistas ademais de cárcere dos pobos e das persoas.

Desde o Goberno usarán calquera eufemismo, pero hai que pagar. Non lle chamarán rescate, pero haberá que seguir pagando. Circunstancialmente flexibilizarán a débeda e o déficit público, pero si ou si haberá que pagar. Por algo Zapatero e Rajoy modificaron o artigo 135 da Constitución española. O BCE fará enxeñería monetaria nos límites que lle permita o Bundesbank, pero o euro seguirá sendo o xugo insalvable das economías periféricas e da clase traballadora.

Chegarán de novo os recortes dos salarios, das pensións e tamén das prestacións. Máis recortes nos sectores da sanidade, do ensino, na asistencia social, na cultura ou na investigación. Medrará o desemprego, volverán os embargos e os desafiuzamentos. Golpearanos a política fiscal e os cortes de gas ou electricidade

Aínda que semelle unha obviedade, cando dicimos que na lóxica do capital quen pagará outra vez esta crise será a clase traballadora e os sectores populares, tamén dicimos como. Chegarán de novo os recortes dos salarios, das pensións e tamén das prestacións. Máis recortes nos sectores da sanidade, do ensino, na asistencia social, na cultura ou na investigación. Medrará o desemprego, volverán os embargos e os desafiuzamentos. Golpearanos a política fiscal e os cortes de gas ou electricidade formarán parte da nosa paisaxe social. A nosa alimentación seguirá en mans dos oligopolios da industria alimentaria transnacional. E, con grandes doses de cinismo, todo este catálogo de aldraxes presentarano en nome da solidariedade.

Efectivamente, aos saqueadores da plusvalía, aos grandes capitais, á Monarquía, á Banca non se lles esixirá que devolvan o roubado, porque o can nunca traba a man do seu dono.

Non o dicimos por apocalípticos, pero no marco do actual sistema non hai máis saída que a exposta. Por iso somos partidarios da emenda á totalidade: ou eles, a partitocracia, os factores do réxime herdado do franquismo; ou nós, a clase traballadora, os sectores populares e as nacións baixo a bota da monarquía borbónica.

Eles, a partitocracia, queren levarnos a unha ensoñación que chaman normalidade. Que entenden eles por normalidade? Pois simplemente darlle ás agullas do reloxo para atrás e devolvernos ao estado de cousas que foron causantes da implementación dramática da actual pandemia que nos golpea. O vello Carlos Marx dicía que despois das grandes crises capitalistas, ou se avanza na transformación e na xustiza social ou, do contrario, a saída será a regresión e o autoritarismo.

No marco da UE e do euro non hai saída que teña en conta a clase traballadora. O Tratado de Maastricht, asinado no ano 1992, deixou ben amarrada a capacidade decisoria dos estados membro. Os aspectos fundamentais do manexo da economía —como son a moeda, os tipos de cambio, a débeda externa ou o déficit público— están supeditados ao mandato do BCE, que é como dicir das elites da Europa rica.

Outra saída é posible

Ata aquí falamos do que será a nova etapa que traerá a crise desde a óptica dos xestores do capital, pero outra saída é posible. Ante a conxuntura que se aveciña debe impoñerse unha alternativa que salvagarde os dereitos das persoas e dos pobos fronte ao capital. Só é posible unha saída desde a óptica da solidariedade, da redistribución da riqueza e orientada ao cambio radical do modelo político e económico. Non hai variñas máxicas e moito menos Pactos da Moncloa ou de Reconstrución Nacional.

A alternativa que protexa ás clases populares deberá ser integral e conter e abordar todos aqueles aspectos encamiñados a protexer os dereitos básicos e universais das persoas. Para explicalo hai que distinguir entre as medidas de choque de aplicación inmediata e aquelas outras de percorrido máis estratéxico.

Entre as medidas de aplicación inmediata que debemos esixir estarían aquelas destinadas a garantir o emprego, como a prohibición dos despedimentos, a eliminación das horas extras e a implantación da xornada laboral de 30 horas.

No tocante aos sectores estratéxicos, temos que loitar pola súa nacionalización e a súa xestión pública: o combustible, a electricidade, o transporte público e a auga. Cómpre crear unha banca pública que lle faga fronte aos desmans da banca privada.

No ámbito de medidas a adoptar máis a medio prazo estarían todas aquelas encamiñadas á defensa do público e dos bens comúns: a sanidade, o ensino, os servizos sociais, a investigación e a cultura. Imponse o rescate de todas aquelas actividades privatizadas como a xestión hospitalaria e a industria farmacéutica.

No tocante aos sectores estratéxicos, temos que loitar pola súa nacionalización e a súa xestión pública: o combustible, a electricidade, o transporte público e a auga. Cómpre crear unha banca pública que lle faga fronte aos desmans da banca privada. Temos que esixir a abolición das subvencións á Igrexa e do ensino privado. Por último, faise imperativo garantir o dereito universal á vivenda: unha política popular de alugueiros, a paralización dos desafiuzamentos e a expropiación das vivendas aos fondos voitres e á banca.

A alternativa que debemos de defender, ademais, deberá conter todas aquelas medidas en aras de transitar a outro modelo económico e social sustentable. Neste marco faise imprescindible un Plan de Emprego Público. Este estará orientado á recuperación ambiental, á fixación da poboación no rural e á diversificación económica e produtiva dos sectores primarios.

o novo modelo de convivencia estará baseado na xustiza social, a laicidade do Estado, os valores republicanos, o feminismo e o dereito inalienable de autodeterminación dos pobos.

Finalmente, cobra especial importancia como eixe e panca para o logro dos obxectivos que se están a propoñer a promoción do cooperativismo e o fomento das redes de economía social. Sen isto non sería posible lograr un consumo responsable ou a reorientación dos hábitos alimentarios, poñéndolle freo á actuación alienante e antipopular das grandes superficies comerciais.

Cando falamos de camiñar a outro modelo máis xusto e sustentable falamos tamén da dotación dun marco xurídico e legal que o faga posible. Neste ámbito, faise imprescindible a adopción de medidas lexislativas que derroguen todas as leis destinadas a reprimir o pobo, nomeadamente a Lei Corcuera –Mordaza. Así mesmo,  o novo modelo de convivencia estará baseado na xustiza social, a laicidade do Estado, os valores republicanos, o feminismo e o dereito inalienable de autodeterminación dos pobos.

A resposta imprescindible desde o sindicalismo de clase

A tarefa que planeamos é colosal, mais non é unha ocorrencia para a ocasión. Sen diagnoses non hai posibilidade de acertar na alternativa. Somos conscientes do poder do inimigo, enfrontalo dependerá do sindicalismo de clase e da capacidade de acumulación de forzas. O reto é complexo, pero necesario. Unha vez máis, na Historia temos que camiñar cara á unidade obreira e popular. Non hai outra.