SILENCIO NA SALA

115

Tras un inicio de curso catastrófico que vén reforzar a deriva precarizadora do ensino público por parte dos responsables da consellería, o silencio impera nos corredores de San Caetano e no espazo sindical. A sensación de vivir un deja vú perpetuo cada inicio de curso sen máis transcendencia que unha foto inaugural de protesta pesa coma unha lousa sobre os ombreiros dos docentes. Cada ano pesa un pouco máis con novas sobrecargas burocráticas, menos compañeiras traballando e aulas de novo ateigadas de rapazada.

Tras as medidas de redución de rateo, introdución de profesorado de apoio e aumento de profesorado consecuencia da pandemia, evidenciouse que o sistema público ten os medios e a capacidade para dispoñer dos recursos necesarios para un ensino de maior calidade para as nosas familias.

Vivimos agora un retroceso das melloras educativas a favor de cuestións nas que o goberno da Xunta considera de maior importancia investir o seu orzamento: festivais Xacobeo, campañas publicitarias na radiotelevisión pública e de promoción do PP polo país, ensino concertado, subvencións a empresarios amigos, etc.

Mentres o noso ensino dá un importante paso atrás na súa calidade e prioridades, o noso alumnado queda sen a axeitada atención á diversidade, con profesorado desbordado ante a montaña de papeis que cubrir e un rateo elevadísimo que sitúa en 33 alumnos/aula os centros de secundaria nas principais cidades galegas.

Esta situación vai acompañada do despido de docentes con anos de experiencia de forma masiva: máis de 900. Atopámonos coa paradoxa de estar baixo o mandato dunha lei que busca a estabilización do persoal pero este detalle parece que non é do interese nin da Xunta nin dos sindicatos da Mesa Sectorial, nun acto prevaricador conxunto, uns por eludir a lei, os segundos por eludir as súas responsabilidades coas traballadoras do ensino ás que representan.

O despedimento destes docentes sen previsión de estabilización ante o escaso número de prazas ofertadas para tal fin provoca un efecto dominó que leva a que aqueles outros que accederon ao ensino nos últimos 5 anos, hoxe en listas tras os interinos antigos, teñan aínda unha situación máis precaria sen expectativa de ocupar un posto de traballo tras ser usados para servizos esenciais durante a pandemia. Porén o trato que se dá a aqueles que sostiveron o sistema educativo nos tempos máis críticos é o de expulsalos ante o reaxustes de persoal que negan unha atención axeitada e de calidade nas nosas aulas.

Dende a CUT non podemos máis que denunciar o silencio imperante por todas as partes: non houbo resposta á unión ante a mobilización de inicio de curso; non hai críticas aos despidos no medio do proceso estabilizador; nada se sabe da mesa sectorial onde deben tratar o seguinte paso dos procesos e onde as organizacións terán que elixir comulgar cos despidos ou pedir a ampliación das prazas da oferta xa impugnada por este sindicato.

Novamente a desinformación en forma de silencio anuncia marexada polo que pedimos que permanezades atentas aos próximos movementos que a banda de San Caetano decida dar.