Servizos sociais: o camiño de precarización

357

As traballadoras dos servizos sociais denunciamos con rotundidade o grave retroceso que supón a nova normativa no procedemento de recoñecemento da situación de dependencia. Un cambio lexislativo que, lonxe de mellorar a vida das persoas dependentes, está provocando a destrución progresiva do sistema público de coidados.
Detrás da promesa dunha maior “axilidade” no procedemento agóchase unha sobrecarga de traballo para as profesionais, menor calidade na atención e menos garantías para a cidadanía. Todo isto sen reforzar persoal, sen recursos e sen respecto polo coñecemento técnico das profesionais.

“As traballadoras do servizo de valoración están desbordadas; afogadas por ratios imposibles que impiden garantir unha valoración técnica de calidade; obrigadas a realizar conxuntamente a valoración de discapacidade e dependencia, sen formación dabondo e en menos tempo.”

Coa Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, publicada en xaneiro deste ano, modifícase e degrádase o procedemento de atención á dependencia. Elimínase o informe social das traballadoras sociais de referencia, perdéndose así a capacidade de comprender a realidade vital das persoas solicitantes para propoñer ó recurso máis axeitado á situación concreta. O procedemento convértese nun trámite frío e despersonalizado, onde xa non importan as necesidades concretas de quen necesita coidados.

As traballadoras do servizo de valoración están desbordadas; afogadas por ratios imposibles que impiden garantir unha valoración técnica de calidade; obrigadas a realizar conxuntamente a valoración de discapacidade e dependencia, sen formación dabondo e en menos tempo.

Desmanteláronse, coa nova lei, os órganos de valoración, que ata agora cumprían unha función esencial: aplicar criterios comúns, o que implica a desaparición dunha mirada especializada e coordinada. O procedemento convértese así nun trámite administrativo, sen garantías técnicas nin rigor profesional. Causando ademais un prexuízo grave ás usuarias dado que a falta de criterios unificados crea desigualdades dentro do mesmo territorio.

“Os centros residenciais están máis saturados ca nunca, pois as emerxencias sociais están sendo mal xestionadas, e as persoas con diferentes necesidades acaban convivindo nun mesmo espazo, sen criterio.”

Esta improvisación está a provocar consecuencias graves: os centros residenciais están máis saturados ca nunca, pois as emerxencias sociais están sendo mal xestionadas, e as persoas con diferentes necesidades acaban convivindo nun mesmo espazo, sen criterio. As residencias de maiores non son centros psiquiátricos, nin contan coa atención especializada que precisan moitas das persoas que están sendo derivadas a elas. Están sendo abandoadas á súa sorte, en lugares que foron concibidos para garantir unha vellez digna, tranquila e sen medo. Esta realidade é unha mostra máis do desleixo institucional e da necesidade de poñer o foco na protección real das persoas vulnerables. É urxente a necesidade de crear recursos específicos e adaptados.

Por se fose pouco, preténdese que as enfermeiras e traballadoras sociais dos concellos asuman funcións de valoración da dependencia, cando nunca formaron parte do personal técnico de valoración, nin teñen os medios axeitados para exercer esa tarefa sen comprometer a súa labor habitual.

Denunciamos que detrás destes cambios se agocha unha estratexia de privatización encuberta dos servizos sociais públicos. A mensaxe do goberno é clara: venderlle á poboación que “todo vai máis rápido”, a cambio de eliminar os dereitos colectivos, de transformar os servizos públicos en prestacións económicas individuais e de precarizar os coidados e ás profesionais que os fan posibles.

“Tamén denunciamos o dobre impacto que nas mulleres ten esta deriva: por unha precarízanse as condicións profesionais dos coidados, sector claramente feminizado, e por outra banda priorízanse as axudas económicas en lugar dos servizos públicos”

Tamén denunciamos o dobre impacto que nas mulleres ten esta deriva: por unha precarízanse as condicións profesionais dos coidados, sector claramente feminizado, e por outra banda priorízanse as axudas económicas en lugar dos servizos públicos, que son os que realmente poden garantir que se proporcione unha boa conciliación entre a vida familiar e laboral, carga que por norma recae nos ombreiros das mulleres.

Estamos ante unha medida puramente electoralista, que busca gañar votos a base de converter un dereito en esmola, que pretende substituír un sistema de coidados públicos e profesionalizados por un modelo asistencialista, barato e sen garantías. Dende a CUT Non podemos calar ante esta ofensiva contra os dereitos sociais. Non queremos máis anuncios de última hora; queremos recursos, tempo, coordinación e respecto polos coidados e polas persoas.

Nin axudas que non chegan, nin coidados precarios: esiximos un sistema público de coidados digno, profesional e ben dotado. Porque os coidados non son un negocio, nin unha moeda electoral. Son un dereito.

Queremos un sistema de coidados personalizado, de titularidade e xestión pública. Non permitiremos que política social se constrúa para o beneficio duns poucos. Os coidados son un dereito para todas!