Profesorado interino: Europa esixe reparación e o Estado segue mirando para outro lado

158

A sentenza do Tribunal Supremo do 11 de maio de 2026, relacionada co caso Obadal do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), xerou moita expectativa. Demasiada. A realidade é que o Estado español volveu facer o que mellor sabe: dilatar, matizar e esquivar as súas responsabilidades mentres milleiros de traballadoras do ensino público seguen pagando as consecuencias.

Podes consultar noticias sobre a sentenza aquí:

Que di o Supremo sobre a fixeza dos interinos en fraude

O Supremo declara fixa a unha interina e abre vías de sanción á Administración

 

Unha sentenza que non resolve nada

Convén non quedarse cos titulares. O Tribunal Supremo non recoñece a fixeza automática nin establece un patrón indemnizatorio digno. O único que admite é que o sistema español non estaba a funcionar, algo que o profesorado interino leva anos denunciando. Recoñecer o problema sen ofrecer solución non é un avance: é outra forma de lavarse as mans.

 

O abuso cométeo a Administración. As consecuencias páganas as traballadoras.

Miles de docentes galegos levan anos encadeando vacantes estruturais, oposicións e procesos de estabilización nunha carreira de obstáculos que non deberían ter que correr. Moitas aprobaron oposicións sen obter praza. Outras quedaron fóra dos procesos extraordinarios. E as que foron cesadas seguen sen ver un euro de reparación.

Isto non foi un accidente. Foron as propias Administracións as que, conscientemente, mantiveron durante anos situacións de temporalidade que agora os tribunais cuestionan. O abuso foi deliberado e sistemático. E resulta indignante que despois de décadas de explotación se pretenda que sexan as vítimas as que volvan demostrar o que xa está máis que acreditado.

 

O que esixe a CUT: solucións reais, xa

Dende a CUT Ensino non imos agardar a que os tribunais resolvan o que lle corresponde ao poder lexislativo. Esiximos solucións concretas e inmediatas:

  1. Adxudicación directa para quen xa superou oposicións
    Quen aprobou procesos selectivos sen obter praza xa demostrou o que había que demostrar. Obrigalas a volver competir polo posto que levan anos cubrindo é unha humillación, non un proceso xusto.
  2. Concurso excepcional de méritos
    Para o resto do persoal en abuso, esiximos o concurso de méritos do artigo 61.6 do TREBEP. Anos de servizo, experiencia e formación non poden valer de menos que un exame puntual. Existe abuso desde que a relación temporal supera os tres anos nunha mesma administración.
  3. Reparación integral, tamén para o persoal cesado
    Ningunha traballadora afectada pode quedar fóra, estea en activo ou xa cesada. Esiximos indemnizacións reais e proporcionais. Non pode ser que as docentes sexan das poucas traballadoras do país sen garantía de compensación cando o incumprimento é da propia empregadora.
  4. Paralización inmediata de todos os cesamentos
    Mentres non exista unha solución lexislativa, ningún cesamento de persoal en situación de abuso é aceptable. Cada cese é un dano irreversible que o Estado está a causar de forma consciente.
  5. Unha lei que peche o problema de raíz
    Esiximos unha regulación que concrete de forma clara as medidas de reparación e sanción, aplicable a todos os sectores do emprego público, incluída a Educación. Sen máis excusas, sen máis demoras.

 

A solución non virá dos xulgados nin das mesas de negociación onde sempre se pactou a precariedade. Virá da loita colectiva e da presión sostida para un cambio normativo real. O problema non desaparecerá por ignoralo, e dende a CUT non imos deixar que o fagan.