Durante o día 8 de xullo desenvolveuse a folga convocada pola CUT en COPO IBÉRICA e, a pesar do traballo feito pola empresa e algúns elementos que se din sindicalistas, por medio de ameazas os primeiros e por medio de crebafolgas os segundos, a pesar de todo iso, o día 8 COPO IBÉRICA NON PRODUCIU, a folga foi un éxito.
Ás 11 da mañá había convocada unha manifestación que a Subdelegación do Goberno de Pontevedra se encargou de prohibir informando á Xunta Electoral Provincial de que carecíamos de permiso. A CUT comunicou en tempo e forma a manifestación o pasado 26 de xuño ás 11:48 como así lle demostramos a esa Subdelegación, argumentando eles que non recibiran comunicación algunha. Esta prohibición é un novo ataque a un dereito fundamental como o que xa nos fixo esta mesma subdelegación o 1 de maio e que está nos tribunais, como estará isto, demostrando unha vez máis un ataque ideolóxico contra a resposta da clase traballadora.
De novo equivócanse, e demostrárono as compas de COPO IBÉRICA saíndo á rúa para evidenciar que a unidade de clase vencerá calquera intento de represión e precariedade que intenten impor dende a patronal.
A dirección de COPO IBÉRICA estivo agochada durante toda a xornada e protexida por gardas de seguridade e unidades da Guardia Civil. Nós estivemos na rúa tranquilos e coa razón do noso lado; non precisamos nin agocharnos nin ter escoltas que nos cubran as costas, porque estamos protexidas pola dignidade e a honradez. Quen ten medo da súa conciencia saberá por que é.
Parabenizamos a todas as persoas traballadoras de COPO IBÉRICA polo éxito da folga e por mostrarnos o camiño a seguir.