SANIDADE E FEIJÓO SEGUEN A FACER DA SEGREGACIÓN RACIAL OPORTUNISMO ELECTORAL

63

Esta mañá, a Consellería de Sanidade vén de promulgar unha Instrución interna que, ao tenor das declaracións públicas institucionais, afonda na segregación racial na sanidade pública, entre demagoxia política e electoralismo. Os artífices de diversas declaracións xenófobas ao redor do “turismo sanitario” queren presentarse como salvadores da poboación inmigrante un mes antes da convocatoria do 21 de Outubro.Ao fío das declaracións políticas de Feijóo no día de onte, e a intervención da Consellería de Sanidade coa promulgación dunha Instrución interna que aínda descoñecemos na súa literalidade, a CUT pensa que é importante que o pobo traballador galego non se deixe confundir polo suposto alcance dunha medida que se dita baixo a presión da convocatoria electoral galega, e que non supón nada máis do que un pano quente confuso ante unha problemática estrutural que se chama racismo institucional.É por iso, que pretendemos esclarecer os seguintes aspectos da tal Instrucción, polos que entendemos que as traballadoras e traballadores galegos debemos seguir a despregar un programa de loita frontal contra a instauración dun novo sistema de segregación racial e económica na Sanidade Pública tanto estatal, como neste caso, galega.

  1. Que a Xunta de Galiza decidise “matizar” buscando os “rasquizos do sistema” un Decreto estatal, a través dunha Instrución interna da Consellería de Sanidade, dá conta do carácter provisorio, revogábel discrecionalmente e carente de garantías desta medida. A Xunta expropia así o debate do acceso universal á sanidade como parte do contido do dereito fundamental á saúde para situar esta problemática no debate da contenda política e electoral, manexábel polo tanto segundo os intereses do goberno de turno. Certifícase con isto a morte da Sanidade Pública como un servizo público, gratuíto e universal.
  1. A prórroga de 6 meses da situación actual no contexto galego correspóndese cunha estratexia electoralista do PP para non dar ningunha solución definitiva e non desvelar a verdadeira sintonía do goberno galego co plantexamento de segregación racial na sanidade pública que instaurou Rajoy. Tampouco aclaran que pasará co colectivo inmigrante que se atope no noso País aínda sen empadroar ou que chegue ao noso País con posterioridade a esta data, o que converte todo isto nunha medida de disimulo da auténtica catástrofe humanitaria que a dereita está a deseñar, enfrontando aos traballadores e traballadoras entre si, segundo a súa orixe étnica e lexislando discriminatoriamente para cidadáns de primeira categoría e cidadáns de segunda.
  1. Esta Instrución supón o regreso a un sistema de segregación racial e económica na sanidade galega que dabamos por superado, coa retirada da tarxeta sanitaria e a instauración dun novo cartón de persoa sen recursos expedido polo Sergas, que nos remite a unha estampa dunha dupla atención sanitaria a depender da capacidade económica, procedencia e orixe étnica da persoa usuaria.
  1. O establecemento do IPREM como teito económico para a cobertura gratuíta implica que todas aquelas persoas que teñan unha capacidade económica anual igual ou superior a 6.390,13 €, cifra que se sitúa moi por baixo do umbral da pobreza segundo o IGE, se verán obrigadas a abonar un seguro médico imposíbel de entre 710 € e 1864€. Datos que poñen de manifesto que un grande sector da poboación inmigrante seguirá excluída da atención sanitaria por non poderlle facer frente a este gasto.
  1. Segundo o tenor da mesma, a poboación inmigrante desprazada do seu lugar de empadroamento de xeito temporal, se este empadroamento fose realizado fóra da Comunidade Autónoma Galega (desprazamento que é común na realidade deste colectivo) carecería de calquera tipo de atención no noso país.
  1. Todo parece indicar que esta medida afondará na burocratización do acceso ao sistema galego de saúde, situación que se verá agravada pola falta de harmonización con outras administracións, provocando unha grave situación de inseguridade xurídica e social para o colectivo inmigrante, poñéndolle así todo tipo de trabas ao desenvolvemento do noso dereito á saúde.

A Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras (CUT) considera non só insuficiente esta medida, senón que denuncia o carácter electoralista, discrecional e provisorio dunha medida que certifica que a Xunta de Galiza non ten a coraxe suficiente para romper co Real Decreto 16/2012 ou Decreto da Segregación Sanitaria e o espírito xenófobo que está a informar toda a última lexislación da ultradereita gobernante.É por iso que a CUT comezará estes días unha intensa campaña de desobediencia civil de alcance para esixir dunha banda a insubmisión total da Xunta de Galiza ao Decreto da Segregación Sanitaria, xa que só iso pode garantir o dereito á saúde, ao tempo que apoiamos e alentamos as campañas de obxección solidaria das profesionais sanitarias e advertimos que non permitiremos como central sindical que ningún traballador ou traballadora fique excluído de ningunha prestación sanitaria. Os nosos corpos, a nosa militancia, e a nosa acción sindical estarán situadas ao servizo da igualdade radical para toda a clase traballadora. Cando o racismo e a xenofobia son un feito, a insubmisión e a desobediencia civil son un dereito.