Rueda entrégalle o control das altas médicas ás mutuas patronais

547

O pasado ano Galiza sufriu unha lacra en expansión: 30.749 accidentes de traballo con baixa laboral. En 2025 despedimos 45 compañeiras e compañeiros de traballo, que son o custo vital de poñer o beneficio empresarial por riba das nosas vidas. Dende que comezou este ano e ata abril despedimos xa 13 traballadoras. Outras 8.375 persoas foron vítimas das consecuencias da falta de medidas reais de seguridade no traballo. E ninguén responde.

“Esta é a nosa realidade: accidentes, mortes, impunidade empresarial e unha prevención que demasiadas veces só existe no papel.”

Hai uns días, os responsábeis das empresas ThyssenKrupp e Termavi en Vigo eran absoltos logo da caída dun traballador dende cinco metros de altura, provocada polo desprendemento do chan metálico sobre o que traballaba por falta de mantemento. Esta é a nosa realidade: accidentes, mortes, impunidade empresarial e unha prevención que demasiadas veces só existe no papel.

“A patronal decidiu converter o chamado “absentismo laboral” na súa batalla fundamental. Non queren que falemos da auténtica epidemia do mercado laboral: a explotación, os ritmos insoportábeis, a precariedade,”

Porén, a patronal, co discurso furibundo da CEOE, decidiu converter o chamado “absentismo laboral” na súa batalla fundamental. Non queren que falemos da auténtica epidemia do mercado laboral: a explotación,os ritmos insoportábeis, a precariedade, a falta de persoal, a ausencia de prevención real. Traballos que enferman, lesionan ou matan. Doenzas como as muscoloesqueléticas ou mentais cuxo vínculo co traballo sempre agochan.

Un dos títeres favoritos da CEOE, Alfonso Rueda Valenzuela, iniciou en abril unha campaña de distracción e criminalización da clase traballadora, caricaturizando como fraude un dereito conquistado con loita: o dereito á baixa médica, á recuperación e á protección da saúde.

A catadura moral do curioso par que lidera a campaña dá conta da debilidade das súas acusacións: o líder dun narcopartido condenado ademais por fraude fiscal, e o defraudador Antonio Garamendi, que facturou outros centos a través de sociedades pantalla.

“As mutuas son instrumentos patronais, asociacións de empresarios sen interese ningún na saúde das traballadoras e orientadas a reducir baixas, acelerar reincorporacións e poñer a saúde ao servizo da produtividade.”

O problema non está só nos seus enganos. O problema é a gravidade das decisións que adoptan cando esa propaganda se transforma en norma. Rueda vén de entregarlle ás mutuas patronais o control efectivo das altas médicas por continxencias comúns. As mutuas son instrumentos patronais, asociacións de empresarios sen interese ningún na saúde das traballadoras e orientadas a reducir baixas, acelerar reincorporacións e poñer a saúde ao servizo da produtividade.

As baixas por doenzas comúns e accidentes non laborais atópanse baixo o seguimento e a responsabilidade do noso sistema público de saúde, sen posibilidade de que a peste da patronal lles bote man. A falta de capacidade de decisión nestas altas leva preocupando décadas ao empresariado.

O pasado 27 de maio, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade publicou unha instrución que lle ordena á inspección médica emitir altas médicas inmediatas cando, fronte á proposta de alta formulada polas mutuas patronais, os servizos de atención primaria —absolutamente colapsados— non poidan responder dentro do prazo previsto. A Xunta pretende que o colapso que ela mesma provocou nun sistema público sen medios xogue contra as traballadoras enfermas.

“Non se trata de mellorar a saúde laboral senón de incrementar pola vía administrativa as altas consecuencia das actuacións patronais parasanitarias. É un ataque directo ao actual sistema de protección da saúde.”

Esta situación é absolutamente alarmante. A propia Xunta laiábase do escaso éxito das actuais propostas de alta realizadas polas mutuas, sinalando que en xaneiro “apenas o 40,18 % derivaron nunha alta efectiva do proceso”. Isto deixa claro o fondo da medida: non se trata de mellorar a saúde laboral senón de incrementar pola vía administrativa as altas consecuencia das actuacións patronais parasanitarias. É un ataque directo ao actual sistema de protección da saúde.

A CUT Galiza denuncia tamén a colaboración do parasindicalismo representado por UGT que neste contexto dramático segue sentado á chamada Mesa de Absentismo, constituída para sinalar ás persoas traballadoras enfermas e lexitimar todas estas medidas. Non se pode vender o fume da defensa da clase traballadora mentres se participa dunha mesa que converte a baixa médica nun problema social.

“Son os sectores que máis presión sofren para reincorporarse e os que máis padecerán as consecuencias das altas prematuras: recaídas sen cobertura, agravamento das doenzas e expulsión dos centros de traballo por razóns de saúde.”

A CUT Galiza advirte do especial impacto desta medida sobre as persoas máis vulnerábeis: persoas con doenzas crónicas, patoloxías musculoesqueléticas ou problemas de saúde mental, e especialmente traballadoras precarizadas, mulleres, persoal de coidados, limpeza, diferentes sectores da industria, transporte e comercio. Son os sectores que máis presión sofren para reincorporarse e os que máis padecerán as consecuencias das altas prematuras: recaídas sen cobertura, agravamento das doenzas e expulsión dos centros de traballo por razóns de saúde.

A saúde das traballadoras non pode quedar nas mans das mutuas patronais. A baixa médica non é absentismo. Enfermar non é fraude. Recuperarse non é un privilexio.

Fronte á campaña da Xunta, da CEOE e das mutuas, a CUT Galiza chama a organizar a resposta nos centros de traballo e na rúa.

Coa nosa saúde non se negocia: organízate, mobilízate e deféndete.